Miradas contra o espello

RAMÓN M. VILAR LANDEIRA

CARBALLO

RADIOGRAFÍAS | O |

02 jun 2003 . Actualizado a las 07:00 h.

VIN A entrevista de Pedro Ruíz a Joaquín Sabina na 2. Había tempo que non observaba tanta tristeza e, quizais, desencanto nuns ollos. Falou con ese sentido do humor e da impertinencia coa que afronta un éxito que me dá a sensación de que ten que ver moito cunha radical soedade. Atacou duramente a televisión actual e cargou as tintas, ata esborranchar a folla, contra a súa estadea particular: Javier Sardá. Comentou sobre os políticos que «se la cogen con papel de fumar» e deu a súa propia visión sobre a situación política internacional. Durante a conversa chegou a dicir, con rexouba, que compartía con Montalbán a frase de «contra Franco vivíamos mejor»; agora maldicía un tempo dominado por uns medios «idiotizadores» que son capaces de programar horas e horas de frivolidade e astenia. Apaguei a televisión ao remate do programa e notei unha miga de desesperanza, quizais tristura. Tristura por esta época de políticos, aparentemente inofensivos, con mensaxes planas, insufribles. Como pésimos actores fechados nun labirinto de espelllos, repetindo unha e outra vez os mesmos tics ensaiados. Recordo hai unhas semanas cando esta edición decidiu entrevistar a todos os candidatos ás alcaldías, agás contadas e raras excepcións, semellaban ser todos dunha mesma liña, politicamente correcta. Repiten, tantas e tantas veces, determinados clixés que aburren, cansan. O peor é que o fan porque pensan que é o máis rendible, o que máis votos pode reportar, non porque realmente o crean. Vivimos nunha era no que as palabras e os actos corren por camiños diverxentes, entre algodóns e profilácticos. ¿Hai alguén aí, máis alá do espello?