O CARTAFOL | O |
22 may 2003 . Actualizado a las 07:00 h.CANDO SE dá a orde de saída para comezar a carreira electoral, uns días de auténtico maratón, a pelexa polos lugares estratéxicos é frenética, anque supoño que o mellor é repartilos como irmáns (é un dicir). Xa antes de empezar a campaña algúns partidos políticos saltan á brava a normativa electoral e cometen irregularidades ou mesmo ilegalidades para convencer canto antes ós votantes indecisos. Algunhas irregularidades son evidentes e deixan ver por onde franquea o partido ou o candidato, tales como pedir o voto anticipadamente ou enviar cartas sospeitosas para dar as instruccións precisas ós máis desorientados rogándolles ou case obrigándoos a poñer unha aspa onde figura ese partido. As fotos retocadas e rexuvenecedoras dalgún dos candidatos de Carballo intentan alterar a realidade física da persoa quitándolle unha morea de anos. Os ordenadores conseguen que un home de cincuenta anos pareza un rapaz de dezaoito. Non entendo moi ben por qué fan esto, dado que se di que a experiencia é fundamental para meterse en política con seriedade e para gobernar como é debido. Por aquí por Carballo e pola Costa da Morte parece ser que están en perigo as maiorías absolutas. Pois mellor que mellor, considerando que as maiorías absolutas soen ser perigosas cando se decide gobernar por decreto e porque o ordeno e mando eu. Deste xeito negóciase máis e gobérnase coa participación de todas as posturas, de todas as cores e de todas as ideoloxías. Así os votantes sentímonos mellor representados. Habería que eliminar das campañas electorais os enfrontamentos verbais e os insultos. Habería que facer menos promesas e realizar máis actuacións. Nunha auténtica campaña habería que expoñer os programas, darse a coñecer polos proxectos e non polos erros dos outros, non enganar a xente con adornos, con retórica estudiada, con utopías, con soños. Que se vexa a educación con discursos ben feitos e claros con que os entenda a xente. Non fai falta reñer cos demais candidatos; cada un que fale de si mesmo. Nas municipais valórase a actuación das persoas que están á fronte das candidaturas. Vótaselle á persoa máis que a unhas siglas que en moitos casos non din nada. Nós os cidadáns debemos ir votar anque sexa en branco. É un dereito e un deber. Pasar de todo non conduce a nada.