O Día das Letras Galegas vai ter en Vimianzo e Cerceda un claro sabor teatral. No primeiro dos concellos teñen organizado xa un programa repleto de actuacións. O día 17, ás seis da tarde no centro social da localidade, as escolas de teatro do municipio presentarán os seus últimos traballos. A de Baíñas representará Telexornal ningunha edición ; a de Carnés, Estación de autobuses ; a de Salto, Esta si que che é desgracia , e a de Vimianzo, Soñar non custa nada . A entrada para tódalas sesións será gratuita. Os alumnos das escolas de gaita de Baíñas e Vimianzo tamén acudirán ó centro social para facer unha representación musical. Ademais, durante todo o mes de maio hai unha exposición no local con traballos das escolas de coiro, palillo, manualidades e pintura. O Concello de Cerceda tamén ten programadas diversas actividades para festexar o Día das Letras Galegas. Os máis cativos serán os primeiros en divertirse coa representación da obra A rúa das pantasmas , a cargo de Títeres Cascanueces. Será o día 15, ás once da mañá, no auditorio. Para o día 16 hai outra cita para os nenos de máis idade. O grupo de teatro Contrate representará Unha avoa a catro patas , no mesmo escenario, ás doce do mediodía. Xa o día 17, tamén no auditorio municipal, a partir das sete da tarde, inaugurarase o Ecomuseo, situado nas terceira e cuarta plantas do edificio. Ademais, actuarán as agrupacións folclóricas culturais San Maritiño de Cerceda, San Amaro da Silva e o grupo Chiculate.