«Estas son as eleccións da oportunidade para o BNG»

La Voz C. A. | CARBALLO

CARBALLO

CASAL

O BNG parte en mellores condicións que nunca, segundo as enquisas, para chegar ó goberno de Carballo. Evencio Ferrero Rodríguez sería, nese caso, a persoa encargada de materializar un concepto de concello que vén defendendo desde fai 24 anos. - ¿Poden ser estas as eleccións do BNG? -Estas son as eleccións da oportunidade do BNG, e eu creo que precisamente se sintetiza con esa frase curta que nós queremos transmitir: agora é momento. Efectivamente, nós asumimos ese reto, esa responsabilidade de darlle a Carballo un goberno estable, cousa que no presente mandato o actual goberno municipal non se soubo dar. - Pero tamén hai catro anos había moita ilusión que ó final non se reflectiu nas urnas. -Nós hai catro anos conseguimos ilusionar a moita xente. Tiñamos datos, nunha enquisa propia, e así o teño comentado en varias oportunidades, que daban tendencia á alza para o BNG, pero maioría absoluta para o PP, cousa que, lamentablemente para nós, así foi. Pero no presente momento, por primeira vez dá que o BNG é a primeira forza en intención de voto directo. Polo tanto, son unhas condicións máis ventaxosas que hai catro anos e o PP xustamente está nun momento tremendamente difícil e, ademais, eu entendo que sen capacidade de ilusionar, porque o proxecto que presenta en Carballo xa é un proxecto esgotado ó longo de doce anos. - Frente a ese proxecto esgotado, ¿que alternativas daría o BNG? -O que ofrecemos é moita experiencia no traballo municipal, un grupo tremendamente cohesionado, un grupo que xorde precisamente da necesidade que ten a cidadanía de expresarse en política. Conseguimos renovar a candidatura e creo que saímos reforzados tamén de todo este proceso vivido nos últimos anos no Concello. O que ofrecemos ós cidadáns é capacidade de traballo, esforzo, dedicación, honestidade e intención manifesta de devolverlle a Carballo o protagonismo que foi perdendo ó longo destes anos partindo sempre do protagonismo dos cidadáns. - ¿Como paliaría unha posible falta de apoio doutras administracións? -É que eses gobernos presuntamente amigos teñen demostrado con creces o trato que lle deron a Carballo. Non existen gobernos amigos, existen gobernos eficaces. E o goberno municipal de Carballo non se demostrou con eficacia e con capacidade para arrastrar investimentos doutras administracións. Nós temos aportado numerosos datos de que, por exemplo, a Administración do Estado non ten investido nin un só euro, e anteriormente nin unha soa peseta, en Carballo, que é o concello máis importante que ten o Partido Popular en toda a Galicia Atlántica. Non é verdade daquela que houbera ningún trato de favor a Carballo por parte de gobernos supramunicipais.