RADIOGRAFÍAS | O |
07 may 2003 . Actualizado a las 07:00 h.HAI DÍAS que lles falei de que comezara o meu periplo de vodorrios. Vou pola segunda voda do ano. A cerimonia é na fermosa igrexa de Cambre e os que casan son amigos deses cos que a miúdo compartes horas de conversación e saídas. Ata aquí todo normal. O problema é que nunha desas saídas comprometinme a dúas cousas: traducir ao galego unhas pasaxes para que o crego as lea na misa e a outra, máis difícil, compoñerlle un epigrama aos noivos. Como pasa sempre atópome a menos de setenta e dúas horas da voda e non fixen nin o un nin o outro. O de traducir vai ser cuestión de pouco tempo, pero o do epigrama ponme os pelos crechos. Non sei nin como empezar. De cando en vez pregúntanme cómo vai o poema e eu digo: vai indo. O caso é que non encetei nin o primeiro verso. Pola fiestra vexo ao Marelo e xa non sei se pedirlle axuda. Durme tranquilo e non é plan irlle con estas lerias, sobre todo cando aínda se está recuperando do mal de amores que lle deixou unha cadeliña moi requintada que vai á perruquería a Carballo. Non quere nin oir falar da vida en parella. Xa se sabe que cando un matrimonio vai mal soe dicirse que se levan coma cans. ext