«Loitamos para que non se perdan as tradicións»

La Voz E.E. | CEE

CARBALLO

Cerca dun milleiro de bailaríns de toda a provincia concentraranse ás cinco da tarde no polideportivo e irán desfilando cara a praza do Concello

30 abr 2003 . Actualizado a las 07:00 h.

Mercedes Pose, presidenta da asociación Terra de Sena desde novembro (sustitúe a Dora Louzán), é a encargada, xunto co resto da xunta directiva, de organizar a 17 edición do Día da Muñeira. -¿Como xurdiu esta celebración en Cee? -Empezou cun grupo de baile da propia asociación. Escoitamos falar de outros días adicados á muiñeira e animámonos, e a cousa foi medrando pouco a pouco. Ó principio bailábase na Alameda, pero chegamos a ter mil bailaríns e houbo que pasar á praza do Concello porque non cabían. -¿Canta xente espera que participe nesta edición? -Temos apuntados a 900 bailaríns, que se reunirán ás cinco da tarde no polideportivo para ir desfilando ata a praza, donde farán a exhibición e o concurso, no que se reparten 600 euros en premios. -A cita xa ten sona máis aló da comarca. -Veñen grupos de baile de A Coruña, Pontecesures, Ames, O Ézaro, Negreira, Camariñas e outros lugares, e xúntase moitísimo público. -¿Que espíritu impregna o Día da Muiñeira? -Loitamos para que non se perdan as tradicións, e ademais, contribuimos a que a xente veña a Cee e coñeza un pouco máis esta zona. -Non hai ningunha outra cita na comarca que mova a tanta xente. -A verdade é que non, ningunha outra celebración reúne a tal cantidade de bailaríns. -¿Que proxectos ten a entidade Terra de Sena? -Facemos cursos, exposicións, unha comparsa para o antroido e outras actividades culturais. Nesa liña imos continuar, aínda que tamén tentaremos ofrecer novidades. Para setembro reunirémonos para organizar cursos con gran demanda, como fotografía. O ano pasado tiveron moito éxito os de ioga e maquillaxe, que poderiamos repetir.