Tocando no tractor

RAMÓN M. VILAR LANDEIRA

CARBALLO

RADIOGRAFÍAS | O |

23 abr 2003 . Actualizado a las 07:00 h.

FALABA ONTE dun gaiteiro que levaba tocando dende hai máis de setenta anos. Como moitos outros trátase dun instrumentista autodidacta deses que nunca teñen visto diante un pentagrama nin saben de negras e brancas. Aínda así é quen de poñerse a tocar o último hit con soamente escoitalo uns segundos. Non quero pensar o que sería de moita desta xente se na súa mocidade tivera pasado por un conservatorio, seguramente tiveran trunfado como grandes artistas. Recordo a miúdo que polo San Xoán viña tocar sempre un peculiar grupo á miña aldea. Era unha familia de músicos: o pai, a nai, un fillo e a nora. De feito facíanse chamar a Sagrada Familia, aínda que a xente os coñecera popularmente como os de Arabexo. Durante moitos anos amenizaron as noites de ruada que se facían para celebrar o solsticio de verán. Ata nebulosas horas da madrugada, tocaban as súas pezas tradicionais, ás que lle daban sempre un ritmo moi festeiro. Os veciños bailaban arredor das cachopas acesas mentres o líder do grupo, un velliño moi simpático ía presentando as cancións. Os rapaces arremuiñabamonos xunto ao remolque dun tractor que servía de improvisado escenario. Para todos nós era unha gran noticia saber que ían vir. O éxtase colectivo chegaba cando o señor anunciaba que agora ían a tocar un rock and roll para os máis pequenos. Daquela era cando comezaba a falar nun galegoenglish moi divertido, sacaba un órgano case de xoguete, e atacaban a peza ao máis puro estilo heavy metal. Non sei que sería do grupo, pero podo asegurar que con eles pasei algunhas das horas máis felices daqueles anos, e eso, xa se sabe non hai cartos que o pague. Abofé.