Vodas e trompas

RAMÓN M. VILAR LANDEIRA

CARBALLO

RADIOGRAFÍAS | O |

03 abr 2003 . Actualizado a las 07:00 h.

A TROMPAZO limpo. Así remataron a fin de semana pasada os protagonistas dunha voda en Lugo. A instantánea que aparece en La Voz, na que se ve ao padriño, en muletas, e aos noivos saíndo dun furgón policial, camiño do xulgado, é das que marcan época. Pódese dicir que os noivos foron ben esposados. Eu que empezo coa tempada de vodas xa me dá que pensar despois de ler a noticia. Aínda que cavilando un pouco non é tan estraño o sucedido. Quizais fose tan só producto da tensión acumulada. Poña por caso que vostede ten unha voda en Camariñas ou en Cerceda. Está todo contento porque se lle casa un curmán cuarto que viu por última vez na comuñón. Merca un traxe ou un vestido de princesa (vida social), ingrésalle no número de conta o que non é capaz de aforrar en dous meses, discute coa parella que se nega a ir con vostede con traxe e calcetíns brancos: «¡Nin que partiras unha perna!». O gran día Despois de toda a parafernalia chega o gran día. Érguese cedo, limpa o coche de segunda man a conciencia, pelexa cara o espello para atopar o nó da gravata perfecto, arranca cara a igrexa escoitando os bombardeos en Bagdad, esfola unha roda na estrada e o crego ponse pesimista: «Xa non sei para que casa a xente, para despois separarse...» Á saída da igrexa atopa un repugnante que lle ha propor sentar xuntos na mesa. Veña comida, cinco horas e media sentado. Logo menear a cacha cos do organiño (o cantante, avogado, complementa o choio cunha bolsa Feuga). A queimar roda, ou digo graxa. Cando xa nota tremer as pernas, algún que desborda farias e brandy apunta que coñece un local para seguir a esmorga. Se todo vai ben non acabamos no xulgado.