Caixanova e o Concello de Carballo inauguran no Museo de Bergantiños una mostra de fotografía sobre a beleza e a diversidade zoolóxica do litoral galego
01 abr 2003 . Actualizado a las 07:00 h.A costa de Galicia ten unha lonxitude de 1.498 quilómetros. Percorrela por terra é relativamente doado, pero explorar a riqueza que agochan as súas augas é un privilexio ó que moi poucas persoas poden acceder. As cores do mar de Galicia , a exposición que Caixanova e o Concello de Carballo inauguran hoxe no Museo de Bergantiños, amósanos o océano en 50 fotografías. «Permite coñecer, primeiro paso para valorar, a riqueza do noso mundo submarino», explican o colorista folleto informativo que acompaña á mostra. As imaxes son obra de José Luis González, un coñecido e recoñecido fotógrafo submariño, despois de 25 anos de traballo coas cámaras baixo a auga. Cabaliños de mar, polbos, medusas..., especies pouco coñecidas para o gran público no seu medio, estarán ata o 4 de maio á altura da mirada de grandes e pequenos. O Museo de Bergantiños abrirá no seu horario habitual, aínda que cabe a posibilidade de realizar visitas en grupo, previa reserva, chamando ós números de teléfono 981 702 077 ou 981 704 704.Ademais de expoñer imaxes con gran beleza visual, As cores do mar de Galicia tamén fai unha chamada de atención sobre a fraxilidade dos sistemas litorais, sobre todo pola acción da contaminación, como demostrou o Prestige , e da sobreexplotación. Museo de Bergantiños