A mesma política

La Voz

CARBALLO

ESTA HISTORIA do Prestige estaba anunciada. Todo o mundo esperaba, os únicos que andaban despistados eran e son os que nos gobernan ou, ao mellor, é que se facían os suecos... Tal foi o despiste que ata deixaron nas mans dos santos a solución do problema. Ninguén desde o ceo facía caso dos seus rezos ata que por fin Santiago Apóstolo fixo o miragre e deixou caer o outro día a toda a comitiva do PP en María Pita (con San Paco Vázquez de porteiro) onde nos presentaron o espléndido Plan Galicia (tan espléndido como dixo Trillo que estaban as nosas praias): 7.500 millóns disque para que o Ave sexa «máis rápido aínda» e para a Transcantábrica, obras prioritarias, será para que cheguemos antes ás Canarias, a Cataluña ou a Euskadi... Outros 5.000 millóns en «varios», aínda que deben estar esperando a que a fábrica de moeda de euro amplíe a plantilla, porque non dan abasto facendo cartos.Plan Galicia, vale, ¿e a Costa da Morte non pertence a esta comunidade histórica? ¡Ah! É verdade, xa me esquecía da idea do parador de turismo, primeiro que haxa navalladas entre os diferentes caciques que reinan nos nosos concellos por ver quen leva a tallada, e despois, unha vez rematado, alá dentro de dez anos, para que algún xeque árabe veña pasar o inverno e poder ver de preto o seu petróleo nas nosas costas.¿E Fisterra? ¿Que vai pasar en Fisterra? De momento o único que pasa é a Santa Compaña que xa empeza a traballar polas portas para as municipais, carrexando roupas de auga, botas, calcetíns, productos de alimentación polas casas dos amiguetes, carrexando xente para a contratación en Tragsa ou Plan Labora, co plan da Deputación que non digan que o PP discrimina aos concellos do BNG ou do PSOE...Ademais da Santa Compaña, en Fisterra hai tamén algúns místicos iluminados que piden campos de golf, piscinas... mentres no Val de Sardiñeiro non ven a televisión. Pero non pasa nada, imos ter unha autopista, ¿chegará ata o peirao de Fisterra? Así os turistas poden contemplar nada máis saír do autobús a merda que sae polos desagües, pois carecemos aínda dun plan de saneamento integral; os parques infantís están desfeitos, os paseos rebentados e a única casa da cultura-museo de Fisterra é o bar Galería.Aínda hai xente que pensa que hai que diferenciar entre as eleccións municipais, as autonómicas ou as xerais. Eu creo que están equivocados, porque a política do PP é a mesma.