Os coídos son duros de limpar

Xosé Búa MUXÍA

CARBALLO

20 ene 2003 . Actualizado a las 06:00 h.

A imaxe que presentaba a punta da Barca o pasado 15 de novembro era desoladora. Ese día zoaba o vento con forza sete a oito con rachas de nove de oeste-suroeste con olas de cinco a seis metros. Dous meses despois, parece que no lugar non houbo nada máis ca unhas manchiñas que tinguiron as pedras de negro. A forza do vento e principalmente do mar limpou aquel galipote e desplazouno deica os lados norte e sur da península muxiana, cebándose sobre a Fontenova, Pedriña e o coído de Muxía. É o que está a pasar en tódalas puntas nas que as ondas baten con gañas. O mar encárgase de arrancalo das rochas e de levalo ás furnas, coídos e arnelas máis tranquilas. Verán Ben é sabido que se o prestixiazo ocorrise no verán a desfeita sería inimaxinable, tendo en conta que xa neses intres os concellos do litoral da Costa da Morte teñen, principalmente do Pinolo para o norte, numerosos coídos (palabra coñecida polos naturais da bisbarra, onde se lle chama así ás praias de bolos redondos erosionados polas ondas). Tanto os voluntarios que traballan a pé de costa, como os que non o fan o teñen moi claro: «Tal e como se pega o chapapote nas rochas é como se fose pintura derramada que é moi complicada de retirar. Nas zonas dos acantilados é imposible», manifestaba un voluntario francés que xa participou na limpeza da marea negra do Erika . «En Francia usárase auga e productos químicos para limpar as rochas unha a unha como se se tratase dun traballo de paleontoloxía. É verdadeiramente frustante ver que por moito que se intente limpar non sae. Non facemos máis que estiralo. Só saen as croas que son como plastilina», di o voluntario galo.Estas son as verbas dos que se enfrontaban ó problema, que se agrava nos coídos ó ser bolos redondos entre os que escorre o fuel ata chegar a varias capas de pedras. Son numerosas estas praias rocosas que na maioría dos casos aínda están sen limpar e noutras só se quitou o máis gordo. De ahí, o difícil do problema.