Empeza a tempada inaugural

Ramón Vilar CERCEDA

CARBALLO

10 ene 2003 . Actualizado a las 06:00 h.

Os políticos chegan con puntualidade xermánica ás inauguracións: ás 12 en punto do mediodía, un coche oficial traía ó conselleiro de Sanidade, Hernández Cochón, ata o novo centro médico da Silva. Alí recibíao o alcalde cercedense, José García Liñares. O tempo estaba frío despois da noite de dura xeada e as autoridades tiveron a ben entrar de inmediato no interior das instalacións. Non saben como quedaron de agradecidos os presentes no acto. Primeiro problema, o titular da consellería pregúntalle ó arquitecto por onde se entra, e o técnico, un pouco azorado, explícalle que os chanzos están doutra parte. Xa estamos dentro: unhas bandeiras e un pequeno estrado para os oradores. Primeiro, o párroco Manuel Riveiro bendice o edificio e dá un pequeno discurso. A continuación, o rexedor cercedense aproveita os minutos de palabra para lanzar algún dardo dialéctico á oposición: «Como alcalde non renuncio a un PAC en Cerceda, como din algúns, pero as pautas son as que marca a Xunta e non nós». O conselleiro dálle a razón ó mandatario local e fala de que temos «unha das mellores sanidades públicas do mundo». O primeiro lapsus é cando lle chama parroquia á localidade da Silva. Alguén lle debería ter dito, probablemente, que a parroquia é Rodís. Pero non pasa de aí o problema e acto seguido descobre unha placa conmemorativa entre o aplauso dos asistentes. Orzamento No interior do centro, unhas corenta persoas seguen o acto, moitos son concelleiros. Pregúntolle ó constructor sobre cal é o orzamento total da obra, o señor remíteme a unha rapaza que está cuns cascos nas orellas; xa se sabe, as novas tecnoloxías de telefonía móbil. Dime que en total son 384.891 euros os invertidos no edificio e no seu equipamento. Ó lado dela vexo a un rapaz cuns puntos na cabeza, é o único que non está polo acto, agarda a que este pase para que o poida atender o practicante. O coche oficial toma rumbo cara a Santiago e os policías buscan axiña a calor dos coches patrulla. Os políticos locais xúntanse no exterior por grupos e comentan as xogadas. Coma sempre a disparidade de criterios está presente: para uns a funcionalidade do edificio é mala e para outros, todo o contrario. En Cerceda xa empezou a conta atrás cara ós comicios municipais.