A CATÁSTROFE que nos trouxo este barco ateigado de veleno faime comprobar e certificar que vivimos nun sitio distinto e que, nós, os galegos, somos uns máis e outros menos fillos duns seres mitolóxicos que viñeron ata aquí desde a illa da Atlántida. Poida que haxa algunha outra explicación para xustificar a nosa inconmensurable forza de irmandade fronte a tanto desacerto, pero eu non a atopo.? Mentras as autoridades autonómicas e estatais ían e viñan por diante dos micrófonos e das cámaras, as mans da Costa da Morte facían o traballo limpo. E repito, o traballo limpo, porque así hai que chamarlle á recollida de chapapote cando se fai desde o corazón.?Ninguén quixo escoitar as autorizadas opinións dos máximos coñecedores destas augas: os mariñeiros da Costa da Morte. É de suponer, que para as autoridades, quizais fose rebaixarse o ter que pedirlles consellos a uns artesáns que, claro, non pasaron por ninguna universidade.?? Nunca máis? O berro de nunca máis é un berro de futuro e fíxome lembrar unha historia de emigrantes de Corme en Montevideo. O acontecemento tivo lugar aló polos anos cincuenta do século pasado. Dous emigrantes cormeláns, ámbolos dous mariñeiros, comproban que nas augas do chamado Río da Prata hai moita abundancia de peixes e deciden mercar unha lanchiña para dedicarse á pesca.? Saen do montevideano porto do Buceo e navegan por augas calmas uns seis quilómetros. Nun par de horas enchen a embarcación e volven, cheos de ledicia, ó porto para comercializar a súa pesca. Pasan unhas horas sen que ninguén lles pregunte nada sobre o peixe. A xente pasaba por diante deles, pero era como se non existisen. Aínda que quizais fose que non os visen porque aqueles dous mariñeiros eran dous afastados fillos da Atlántida. Achegóuse a falar con eles un vello mariñeiro, encargado do coidado dos iates ancorados no porto do Buceo, e case como pedindo desculpas, díxolles: ¡Pero, gayegos! ¿No saben ustedes que están en el país de la carne??A devandita anécdota está a dicirnos algo moi importante sobre o traballo artesán dos mariñeiros. Un traballo que para a Unión Europea é outro máis e por tanto aqueles que deixen de pescar poden doadamente empregarse noutra actividade. Claro que a realidade é ben diferente e sempre se impón. Os mariñeiros de Corme querían facer en América o que facían aquí, pero descoñecían os costumes do país de acollida. Para ser mariñeiro non abonda con pescar, non, hai que vivir da pesca. O peirao chamado Escollera Sarandí enchíase os domingos pola mañá de canas de pescar. Ían alí pais, fillos e familias, que entre mate e mate pasaban a mañá agardando que picara algunha roncadera. Axiña vemos a grande diferencia existente entre esta xente e os nosos mariñeiros cormeláns.? Agora veñen os señores da burocracia europea dicirnos o que temos que facer. Pero meus santiños ¡é ó revés! somos nós os profesores. Somos nós os que sabemos arranxar as desfeitas, porque tamén, somos os que mollamos as mans nas augas atlánticas. A nosa voz autorizada freará os paus que aínda nos queren dar, uns paus, que van agachados debaixo das esmolas para que deixemos de pescar. O tema central non é deixar de pescar nin esmagar ós mariñeiros co mentireiro argumento da defensa dos caladeiros.? Cando non se queren enfrontamentos cos responsables da contaminación para que non deixen de gañaren, entón hai que desviar a acción e darlle a volta ó asunto para que os contaminadores non teñan impedimentos. Sen mariñeiros, sen peixes e sen turistas nas praias o chapapote terá liberdade para navegar baixo a bandeira que máis lle conveña.