Rosalía e o «Prestige»

RAMÓN M. VILAR LANDEIRA

CARBALLO

RADIOGRAFÍAS

21 nov 2002 . Actualizado a las 06:00 h.

DO QUE pasou estes días co Prestige deberiamos extraer certas conclusións que creo que son moi significativas. Quedan gravadas na mente certas imaxes que son ben elocuentes; unha foi a ausencia de políticos, usaron a táctica número 36: cando as cousas se poñen negras hai que agocharse entre a terra (estilo toupa) ata que pasen os días. Outra imaxe é o compromiso dos medios de comunicación de Galicia coa súa terra e a súa xente. En Madrid (véxanse as hemerotecas) os xornais colocaron varias veces a nova do sinistro nun discreto segundo plano. Paradoxicamente os diarios franceses, ingleses ou americanos facían extensos editoriais sobre a catástrofe. Estámosche ben. Dolorosa Outra imaxe dolorosa é ver a rapaces da Costa da Morte nas televisións (fillos de afectados) falando de coller as maletas. Non hai palabras. Non discuto que sexamos Europa, pero moito me temo que non saben sequera que existimos. Abátese sobre nós outra volta a pantasma da emigración e xa se escoita Canarias, Canarias coma se falaramos da terra prometida. Triste terra de fartura que non ergue a cabeza. Estamos no século XXI e resulta que un colle e rele Cantares Gallegos (1863) e un nó frío sobe ata a gorxa: « Ti vives no mundo soia / e a prole fecunda túa / espállase en errantes hordas / mentres triste e solitaria /tendida na verde alfombra / ao mar esperanzas pides / de Deus a esperanza imploras». Son horas de unirse todos, independentemente da opción política, e dicir dunha vez ben alto que nunca máis. A esperanza constrúese entre todos, día a día, e ninguén pode faltar. Mañá é futuro.