O CARTAFOL
05 nov 2002 . Actualizado a las 06:00 h.OS MEUS parabéns para a asociación cultural Monte Branco que organizou o Simposio Pondaliano en Ponteceso, terrra natal do poeta do Rexurdimento. Resulta sorprendente que se poidan organizar estas xornadas sobre o escritor durante oito anos consecutivos. Pero a cousa non vai quedar así, pois os organizadores quedaron tan satisfeitos coa participación da xente que amenazaron con irse preparando xa para o noveno. As xornadas literarias foron transcorrendo apraciblemente durante todo o mes de outubro para dar a coñecer diversos puntos de vista sobre o bardo bergantiñán. Estivemos moi ben acompañados con auténticos expertos cos que aprendemos moitas cousas novas escoitando os seus relatorios. Fíxose unha análise de A Campana do Anllóns sen profundizar nun tema polémico como á presunta misoxinia do autor e comentáronse algúns poemas inéditos cheos de versos platónicos e depredadores, cheos de angustia e de morte. Algúns incluso pornográficos, onde se deixa ver claramente que o home e o poeta estaban xa emocionalmente desequilibrados e atormentados por unha serie de complexos. Quedamos sorprendidos cos resultados dunha enquisa a alumnos de terceiro de secundaria, a maioría dos cales descoñecen a obra de Eduardo Pondal. Expuxéronse os recursos pondalianos na rede cun certo pesimismo pois neste medio a penas se usa o galega. De paso, aproveitouse para presentar Queixumes dos Pinos , obra que forma parte da colección Biblioteca galega 120 de La Voz de Galicia que lanza ó mercado catro millóns de libros. Ademais ofrecéusenos material didáctico para traballar a lingua con afán normalizador e faláronnos con gracia da píllara papuda coñecida tamén co nome de píllara das dunas da que xa oíra falar nalgunhas escenas de certa serie televisiva de certo renome. E non podía faltar unha excursión pola terra de Xallas baixo a supervisión dun guía extraordinadario que nos deleitou cos seus apaixonados comentarios facendo referencia á destrucción da harmonía piasaxística a causa dos muíños de vento e das liñas de alta tensión que nos amenazaban mentres ollábamos os dolmens e deixando constancia da desfeita que supón o roubo da outrora fermosa e espectacular fervenza do Ézaro. Gracias a todos e ata o ano que vén.