A botellazos coa orquestra

RAMÓN M. VILAR LANDEIRA

CARBALLO

RADIOGRAFÍAS

16 sep 2002 . Actualizado a las 07:00 h.

VERÍAN A NOTICIA o luns neste xornal: un grupo de mozos disparan unha botella contra a orquestra na romaría da Virxe da Barca en Muxía. Xa estou vendo a cara dos músicos ao ver vir polo aire a botelliña en forma de proxectil. Dende logo non tiña catalogada a profesión de saxofonista ou cantante dentro das de risco, pero, tal e como se están a poñer as cousas, non sería raro que solicitaran a inclusión dun plus de perigosidade no convenio colectivo. A verdade é que intuía que o das orquestras era un traballo duro: milleiros de quilómetros ás costas, traballar mentres os demais se divirten ou ter que tocar cento vinte veces nun verán a canción de moda; pero o de botellazo non o encadraba eu no mundo das verbenas. Pode tamén ser un revival do fenómeno punk, cando os irreverentes Sex Pistols tocaban a escandalosa God save the Queen entre unha choiva de cuspe e obxectos varios. Aínda que é estraño que cancións coma Europe¿s living a celebration ou Corazón latino se poidan catalogar coma xénero punk-rock. Coñecía un precedente de situación apurada para unha orquestra: hai anos un conxunto musical de moda (daquela non era raro escoitar o de: «que ben toca este congunto») foi actuar a unha festa; mentres estaban en plena faena houbo un apagón e os músicos foron tomar unhas copas ao bar da comisión, agardando que se reparase a avaría. Nestas estaban, cando de súpeto volveu a luz, e os alatofalantes comezaron a cantar a todo gas sen haber ninguén enriba do escenario. Como suporían, os do congunto fuxiron a fume de carozo sen intentar cobrar a factura.