Celtas ou celtarras

La Voz

CARBALLO

30 jul 2002 . Actualizado a las 07:00 h.

No congreso sobre celtismo que co-organizaron a Asociación Neria e o Concello de Cabana de Bergantiños a idea fundamental que se extraeu foi a seguinte: os únicos celtas que houbo en Galicia foron os que fumaba, en Mens, Manuel de Cereán na súa banqueira de zapateiro; celtarras son os seareiros do Celta de Vigo. Perante afirmacións tan rotundas lanzadas desde ese congreso, a nós sempre nos gusta volver a vellas lecturas. Unha destas é o libro Deuses, heroes e lugares sagrados (Sotelo Blanco Edicións, 2000) co que a doutora en Xeografía e Historia pola Universidade de Santiago, Rosa Brañas, acadou o Premio Vicente Risco de Ciencias Sociais que promoven o Concello de Allariz, a Fundación Vicente Risco e a Fundación Sotelo Blanco. Palabras da contracapa do libro: «Rosa Brañas, analizando tódalas fontes, examinando feitos comparativos en diferentes zonas do mundo céltico e tendo moi presentes as achegas da antropoloxía moderna, argumenta en contra de quen nega a existencia de elementos célticos na Galicia castrexa e, polo contrario, propugna a necesidade dunha hipótese invasionista para explica-la innegable presencia deses elementos». No prólogo, Marco V. García Quintela, tamén da Universidade de Santiago, xustifica a tese elixida pola autora da seguinte forma: «A xénese do modelo indoeuropeo na súa vertente céltica». Nas conclusións, a autora dinos: «O que parece comprobado é que os castrexos utilizaban os mesmos recursos que outras sociedades célticas para expresar a prominencia dalgúns dos seus asentamentos, pois moitos dos topónimos que se estudiaron se relacionan co tipo de valores que operaban na Irlanda antiga e na Galia». Ao mellor, cos celtas en Galicia pasa coma coas meigas, ninguén os viu, pero habelos hóuboos. Así que nós seguimos gozando da relectura do libro de Rosa, a través do cal puidemos, entre outras cousas, entender, definitivamente, a inscrición das aras de Cores ou afondar, con moitísima ledicia, no coñecemento da toponimia ou antroponimia castrexa. ¡Ave Rosa!