Veciños de Pasantes (Muxía) botan de menos unha intervención da Consellería de Política territorial na recualificación dos terreos do restaurante Doña Rita, sobre todo «despois das últimas decisións das autoridades de Urbanismo desautorizando a recualificación de terreos para crear un parque industrial nun concello da bisbarra e instando ó mesmo tempo a elaborar un PXOM». Os afectados polas obras do restaurante consideran que as decisións do organismo da Xunta «poden ser dun xeito ou doutro dependendo da maquía ». O Concello de Muxía tramitou o cambio de cualificación dos terreos de Pasantes, «de protección agrícola», amparándose «no interés público e social dun complexo hosteleiro privado» que, según os veciños, fíxose «coa connivencia dos políticos locais do PP e o PSOE, de maneira flagrante e sen ningún tipo de licencia». Irregularidades Os afectados insisten en que ó longo do proceso houbo unha serie de irregularidades, entre elas a «desaparición» dunha aldea do mapa de situación. Tamén din que as alegacións enviadas ó Valedor do Pobo, «que tivo que recabar información de xeito enérxico do Concello», non serviron «de nada», e conclúen que Urbanismo «non considerou oportuno instar ó goberno municipal a elaborar un PXOM porque o interés público social da recualificación de 48 ferrados era moi importante, moito máis que se de un parque industrial se tratase». Sen embargo, os veciños de Pasantes confían en que a polémica recualificación aínda poida ser anulada por vía xudicial, e neste sentido aluden a una recente sentencia do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia que adopta unha resolución deste tipo nun concello da comarca de Barbanza.