Festa e copia

La Voz

CARBALLO

24 jul 2002 . Actualizado a las 07:00 h.

NON SEI o que pensan vostedes, pero é que tanta festa gastronómica xa me parece un pouco excesiva. Cada concello ten dúas ou tres enchentas e esto vai a máis. Cada ano outras parroquias inventan unha nova festa: Festa do Chourizo envasado ao vacío con herbas da fonte ou Festa da cenoria conxelada con espagueitis. A foliada está armada e aló van centos de paisanos e paisanas enviar chourizos e viño tinto do Ribeiro como se estivera próximo o último día. Miren ao noso redor e comprobarán que xa só nas comarcas da Costa da Morte son ducias as churruscadas populares ou as festas dun e outro producto. Nisto das festas hai dúas constantes galegas: a querencia polas comilonas e a copia sistemática do veciño. O do gusto polo comer desmesurado Cunqueiro, no seu prólogo a Cociña Galega, atribúeo á fame pasada antigamente «das memorias daquelas fames debe de vir o gusto que ten o galego de hoxe polas festas de comer e beber». En canto ao da copia sistemática do veciño xulguen vostedes: que un pub vai moi ben nunha zona, pois abrimos sete máis; que fulano montou un negocio de non sei qué historia, hai que poñer un que debe dar moitos cartos. E así estamos de festa en festa e de copia en copia.