Un convenio entre Caixanova e o Concello de Carballo fará posible que a partir do vindeiro martes estea exposta no Museo de Bergantiños a maior recopilación de fotografías de Castelao. A iniciativa douse a coñecer onte, nun acto no que o director da oficina local da entidade bancaria, José Ulfe, destacou a posibilidade de ver imaxes do escritor, artista e líder galeguista «desde o seu nacemento ata a súa morte en Arxentina, fai 52 anos». Pero tamén explicou que esta mostra enmárcase «dentro do que se pretende que sexa unha colaboración estable» entre Concello e Caixanova, froito da cal xa foi a exposición de grabados De Picasso a Barceló , coa que se inaugurou o museo. O alcalde de Carballo, Manuel Varela Rey, apuntou a importancia da colección, agradeceu a disposición da entidade financieira a colaborar «neste tipo de actos culturais» e convidou ós veciños do concello e do resto da zona «a que vexan o que temos aquí» e que visiten o museo. A colección As imaxes de Castelao será inaugurada o día 28, ás sete e media da tarde, e poderá verse ata o 7 de xullo. En total consta de máis de duascentas fotografías, procedentes de fontes moi diversas e reunidas con motivo do 50 aniversario do pasamento do autor por un equipo de documentalistas.