José María Vázquez Barca, concelleiro delegado de Comercio de Carballo O comercio de Carballo está atravesando unha época de convulsións, agravada pola recente apertura do hipermercado Haley. As reunións proliferan e as solicitudes de colaboración institucional son cada vez máis abondantes. O concelleiro delegado da área de Comercio en Carballo, José María Vázquez Barca, asume a parte de responsabilidade municipal que lle corresponde e convida ós empresarios a loitar coas mesmas armas: «Hai que buscar sistemas para poder competir tanto en precios como en horarios».
16 abr 2002 . Actualizado a las 07:00 h.O concelleiro delegado de Comercio de Carballo, José María Vázquez Barca, fixo onte en Onda Cero unha valoración da repercusión do Centro Comercial Bergantiños no comercio tradicional da localidade despois do primeiro domingo de feira. - ¿Que conclusións saca despois de facer un seguimento do que foi a feira? -Onte (polo domingo) non foi un día significativamente negativa. Aínda que nestes casos sempre hai opinións para tódolos gustos, non foi un día especialmente negativo. Curiosamente, a xente acudiu tarde ó mercado, pero a partir das dez da mañá empezou a haber xente, e na praza de abastos foi similar a unha feira normal; non foi das mellores, pero tampouco foi das peores, de xeito que por este domingo non se pode falar de impacto negativo do centro comercial. - ¿E que valoración fai, entón, da resposta do público? -Eu penso que non é un mal síntoma. Temos que pensar que os primeiros días son sempre de impacto pola novedade. Ocorreu cando abriu Continente, incluso viñan os autocares a buscar a xente aquí, pero aquelo durou un par de semanas e despois a xente volveu ó de sempre. - O que pasa é que isto coincide cun mal momento do comercio en xeral, que se queixa de que nos últimos dous meses descenderon moito as ventas. -Temos que pensar que os primeiros meses do ano son uns meses, para o comercio en xeral, negativos, iso é de sempre. Pero a partir deste mes a tendencia debe ser á alza. O que ocorre é que hai certa inquedanza polo que vai pasar. Os primeiros días, efectivamente, hai un pequeno desfase e unha preocupación, porque no conxunto de tódolos días que leva aberto o centro comercial algo impactou, pero temos que pensar que é a novedade. O producto que ten o comercio de Carballo en comestibles é excelente, e o outro é competitivo tamén. O que pasa é que temos que pensar, tanto nós, pola responsabilidade de goberno que temos, como os empresarios, que hai que buscar sistemas de competitividade, tanto en precios como en horarios. E ó mellor neste aspecto temos que recapacitar un pouco. - ¿Que medidas propón? -Eu estou convencido de que a calidade do producto que se ofrece na praza de abastos é inmellorable. Deso non me cabe dúbida ningunha. Pero seguramente temos que facer un reaxuste nos horarios. Se nos permitimos o luxo de non abrir os sábados pola tarde, evidentemente iso é un caldo de cultivo para un centro que si abre, con moi bos servicios, e a xente se quere comprar vai alí. E nese sentido o comercio ten que facer unha reflexión, porque o sábado é un día que moita xente ten libre e aproveita para facer as compras, e se aquí temos pechado, a xente vai a outro lado. E despois incluso adaptarse a un horario similar tamén ó do centro comercial, porque iso tamén atrae á xente.