O MOI DEBATIDO PARQUE ARQUEOLÓXICO DA ZONA

La Voz

CARBALLO

XOSÉ MARÍA LEMA SUÁREZ TRIBUNA ABIERTA

04 mar 2002 . Actualizado a las 06:00 h.

Polo que leo en La Voz, parece que o lugar de situación do Centro de interpretación do Parque Arqueolóxico da Costa da Morte despertou un inusitado interese por parte dalgúns concellos. Hai que alegrarse diso, a ver se os que gobernan empezan a ver o que temos repetido desde hai ben anos: que na Costa da Morte hai potencial do máis diverso para vivir do turismo cultural. Con todo, non se pense este Centro é para un parque tipo Disneylandia, pois só se precisa unha ampla sala onde situar os paneis, os mapas, maquetas que sirvan para a mellor comprensión dos monumentos, e máis nada. Nin sequera faría falla construir nada e quizais abonde con aproveitar algún departamento do xa feito. Experiencia Quen subscribe forma parte do equipo dirixido polo profesor Antón Rodríguez Casal, para a realización do proxecto de Conservación e revalorización do Patrimonio Megalítico da Costa da Morte, que, como o seu director xa ten dito, conta cunha subvención aprobada polo secretario xeral de Investigación e Desenvolvemento e polo Director xeral do Patrimonio Cultural da Xunta. De momento, este é o único proxecto non virtual, pois está aprobado pola Xunta e publicado no DOG (13-11-2002). O outro, anunciado con tanto bombo, haberá que esperar a que tamén apareza no DOG: os propios redactores de La Voz vían moita inconcreción nel, chegando a dicir que as notas da Consellería de Cultura eran «extraordinariamente parcas». O meu escepticismo con respecto a este organismo, que nunca lle prestou atención ó patrimonio da Costa da Morte, lévame a desconfiar deste novo castelo no aire. Para aclarar todo e ver qué hai de certo, sería bo que os xornalistas solicitasen unha rolda de prensa, conxunta ou por separado, dos responsables dos dous proxectos. O dirixido polo profesor bergantiñán Rodríguez Casal xa está posto en marcha sen tanta festa. O pasado 23 de febreiro o seu equipo realizou unha primeira visita ó campo de estudio, que si se centra claramente na Costa da Morte, pois vai desde a Pedra da Arca (Malpica) á Mina da Parxubeira (Mazaricos), pasando por Dombate, O Aplazaduiro, Pedra Vixía, Pedra Cuberta, Pedra Moura de Cárneo, Pedra da Lebre de Serramo, Arca da Piosa, Pedra da Arca de Regoelle e a Casota de Freáns de Berdoias, entre outros. Como colaboradores especiais tamén participan os investigadores Evaristo Domínguez e Roberto Mouzo, coñecedores do patrimonio arqueolóxico de Zas e Vimianzo, respectivamente. Interferencias Este proxecto non interferirá para nada no outro -se este por fin se concreta-, senón que o complementa, pois sería o punto de arranque e unha primeira fase de recollida de toda a información como paso previo para a creación dun Parque Arqueolóxico do Megalitismo na Costa da Morte. Con respecto ó Centro de Interpretación deste Parque, Rodríguez Casal opina que debe estar cerca dos monumentos, dentro da súa ruta principal e esa arteria que vai de norte a sur do territorio, de Dombate (Borneiro) a Baíñas: é a estrada na que se atopan as principais antas, e non tería sentido que un visitante tivese que desviarse para recibir unha información de urxencia.