Xan García Pouso, secretario
10 ene 2002 . Actualizado a las 06:00 h.Xan Agustín García Pouso é o secretario da asociación supracomarcal Neria e membro, xunto a Julio Díaz (presidente), José Manuel Santos Maneiro (vicepresidente) e Antonio Ares (tesoreiro) da comisión permanente, o órgano que toma as decisións do día a día no seo da entidade. -Dez anos de Neria invitan a facer un balance do traballo realizado. -Creo que este é un bo momento para reflexionar e para chamar ás reconciliacións. Estou seguro de que aqueles alcaldes que tomaron a sabia decisión de crear Neria, non eran conscientes, naquel momento, dos éxitos que logo se acadaron na Costa da Morte. Hai que agradecer aquela sabia decisión. Foron dez anos de moito traballo; tamén de discrepancias, é certo, pero sobre todo de consensos. -¿E que é iso do chamamento á reconciliación? -Si, penso que é necesario desde a óptica que nos debe mover, que é a da humildade. Hai que aprender do pasado pero tamén temos que mirar ó futuro. Na Costa da Morte facemos falta todos, sen excepción. Sería un erro por parte dos actuais dirixentes de Neria caer na prepotencia despois da concesión do Leader Plus, do Equal... É tempo de ser xenerosos e humildes, ser conscientes de que a Costa da Morte só avanzará se todos aportamos o noso grao. E, como estamos nun ano histórico para a asociación, é o mellor momento para esta unión. -¿Vai a haber algún recoñecemento público para os «pais» de Neria? -Non me corresponde a min decilo nin decidilo, senón ós órganos competentes de Neria, pero sería bo un acto de agradecemento a Manolo Castro Castro, Rafael Mouzo Lago, Plácido García Insua e Julio Díaz Rellán, que foron os presidentes, e tamén os presidentes da Deputación: Moreda, Lendoiro e Torres Colomer. Todos eles xogaron un papel fundamental para o desenvolvemento da Costa da Morte. -¿E os socios? -Son o máis importante. E hai que congratularse de que as asocacións máis dinámicas, as principais empresas da comarca, os intelectuais e literatos do noso territorio, sexan hoxe socios de Neria. -¿Cales son os novos desafíos para os vindeiros anos? -Tódolos que axuden, dun xeito ou doutro, ó progreso global da bisbarra. Para iso, Neria ten que contar e rodearse dos mellores técnicos. Superar a endogamia, á que estamos moi afeitos na Costa da Morte, e ter ós mellores profesionais connosco para sacar adiante con éxito todos eses retos que veñen.