PROVOCADORES

La Voz

CARBALLO

JOSÉ MARÍA DE LA VIÑA O PATIO DA MEMORIA

08 nov 2001 . Actualizado a las 06:00 h.

Xa vos contaba o ano pasado, que teatro e espectáculo non sempre coinciden nunha peza representada. O de Yllana é un espectáculo. Un espectáculo cómico-musical de notable calidade. Home, non son Les Luthiers, nin Tricicle, pero a idea é semellante: o mimo, a creatividade musical, e, sobre de todo, o humor. E mesmo posúen certa característica do teatro que eu valoro moito: o ritmo, a medida do tempo. Non creo que ninguén dos que estiveron no ateigado Cine Rega, lle dera tempo, tan sequera, a pensar que hora era. Vertixinosamente sucedíanse os sketchs, cheos de contidos, de intencións, de gracia, de virtuosismo musical. Parece como se houbese un consenso xeneralizado no lema: a música divirte. E divertímonos; e moito. ¡Que ben senta botar unha gargallada tras outra, no medio das dos demais! ¿non si? Chus (o do tambor), Ramón (o cego), Marc (o do espectáculo luminoso co lume) e Orlando (¡¡¡iieeeeevaaa, xaaaa!!!) xogaron en equipo e mesmamente como solistas, facendo que o tempo, por unha vez, non correra tanto; non importara. É a primeira ocasión que vexo construír un coro cos aplausos do público; incluso un concurso de aplausos entre os espectadores (esquerda-dereita). Provocando sempre ó público, como Leo Basi. Facer participar ó público no espectáculo é unha fórmula de éxito, pero de difícil consecución. Hai que quencelo a modo, pouco a pouco. Pero logo queda entregado. Se queres rir: Yllana; se queres espectáculo: Yllana. Se teño que criticar algo, diríao coa boca pequena, e case pedindo perdón: non me gustou tanta alusión a foder ¿botamos un polvo? cos acenos típicos de "esquiar". Paréceme un recurso populacheiro e simplón, fácil e de cara a galería. Penso que teñen clase de abondo como para, sen baixar nin un milímetro o listón, esmendrellarnos coa risa e "fasernos josar", que diría Quico Cadaval ou os de Mareas Vivas. Quedei a cear con eles e asegúrovos que están igual de tolos e simpáticos que en riba do escenario. Tes que estar morto para non acabar brincando ou, cando menos, cun sorriso de aquí a Sísamo.