O REMATE DOS BATÁNS

La Voz

CARBALLO

XOSÉ MARÍA LEMA TERRA E XENTE

24 sep 2001 . Actualizado a las 07:00 h.

Pasando polo conxunto etnográfico dos batáns e muíños do Mosquetín (Salto-Vimianzo) vimos que dende hai meses a restauración exterior e interior están rematadas. O fundamental está feito. Tanto os edificios como o valo de contención soportaron as grandes inundacións do inverno pasado e xa están colocados no seus lugares orixanarios os tres aparellos (un restaurado e dous feitos de novo). Segundo os veciños -os antigos donos- no verán veu moita xente guiada pola sona do conxunto e tamén polos novos sinais que se puxeron na estrada. Sen embargo, os visitantes quedan un tanto defraudados porque o que se lles ofrece non está preparado para unha visita didáctica. Centro de interpretación Pensamos que aínda falta habilitar un lugar que serva de centro de interpretación con paneis explicativos do funcionamento dos aparellos. Un lugar onde situar, ademais, outroa elementos que deben completar o que estaba chamado a ser o Museo do Batrán de Galicia (e de España); neste museo monográfico habería que colocar nun lugar preferente a maqueta do batán de Servia-Lousame, que afamilia de Ces Lorenzo (da Casa do Rego) doara expresamente para O Mosquetín xa hai dous anos (lémbrese a reportaxe de La Voz de Galicia o 3-09-1999, cunha foto da viuva do vello bataneiro ó lado dun construído por este). Como nesta interesada cesión intervíramos Paco Doval (asesor da Deputación) e quen suscribe -desculpe a aurocita quen se atribúe a consecución de todos os goles na Costa da Morte (mesmo depois de ter pasado á suplencia)- dá rabia ver que xa pasou tanto tempo e a curiosa maqueta segue sen ser exposta no lugar acordado coa familia doadora. Desde hai ben tempo non teño noticia de que ninguén da Costa da Morte reclamase da Deputación o remate e a posterior apertura deste importante enclave. Un remate axeitado, facendo o que falta, non a todo correr polas eleccións vindeiras. O fundamental está feito, e non se comprende a qué se espera para rematar. Tampouco se comprende que estea todo o mundo tan calado. Para evitar dubidosos méritos goleadores posteriores, a balón entrado, a ver se agora que se está a tempo alguén fai escoitar públicamente a súa voz ante a presidencia da Deputación, xa dende a clase política, xa dende calquera entidade ou mesmo a título particular.