O MEU CADERNO É DE TODOS

La Voz

CARBALLO

ROBERTO TRABA VELAY CRÓNICAS DE FINISTERRA

01 ago 2001 . Actualizado a las 07:00 h.

Merquei en Todo a cien y compañía unha libretiña la mar de bonita. Non sei se estará feita en Taiwan, en China ou en Pernambuco, pero tan xeitosiña é que ata semella antiga e todo. Nada máis vela encheume o ollo e polo prezo que marcaba, 300 pesetas (1,8 euros), a verdade é que sería un pecado non comprala. Así que escollín unha, pagueilla a Lola, e leveima posta. Saín da tenda onde case todo é a cen e funme camiño da casa, observando as follas en branco do meu novo caderno, como se xa estiveran escritas, e pensando no uso que lle ía a dar á miña recén adquirida libreta de carillas raiadas e cordiña na cantoneira que semella auténtica artesanía. Como facía tempo que quería ter un libro no meu bar, para que a xente escribira o que lle petara, decidín utilizalo para tal fin, polo que esa noite, véspera do día da Patria, rotulei na portada: Libro de viaxeiros, peregrinos, visitantes o outros personaxes do Bar Galería. Na primeira páxina, non sei por que, escomencei poñendo coa mellor letra que souben unha frase en castelán: Hoy puede ser un gran día. Como un neno pequeno estiven todo o día esperando que alguén se fixara no meu diario de camiñantes que deixara en riba dunha mesa que teño pegada a un curruncho do bar sobre o que hai un letreiro que pon ofichina, pero non foi ata o mesmo instante no que pola Galega retransmitían os fogos do Apóstolo cando, oh sorpresa, inaugurouse o libro. De reollo puiden ver como unha rapaza se achegaba a el e deixaba unha primeira mensaxe. Esperei a que a moza e os seus amigos marcharan e, con grande curiosidade, comprobei que decía moi escuetamente: «Hoxe é un gran día». E logo, unha flecha cunha data, 25 de Xullo, día da Patria Galega. En principio non me sentou nada ben a puntualización, pero a medida en que os visitantes foron deixando palabras, esquecinme do conto, máis que nada porque sempre escribo en galego e punto. En fin, que transcorrida unha semana desde a inauguración do meu libro estou máis que contento porque vai collendo vida coa linguaxe internacional. Hai enigmáticas sentencias, como a que me deixou unha misteriosa muller chamada Gloria que, referíndose ó bar, escribiu: «La sorpresa inicial se suaviza salvajemente según me introduzco en tu mágica guarida». (Xa te cagas, digo eu). Hai outras en descoñecidos linguaxes que din: «Lur basati houtan izugarrizko askatasuna sentith dut». Que significa, máis ou menos: sentín unha tremenda sensación da libertade nestas salvaxes terras. A cousa vai ben, non me queixo, pero polo de agora o comentario que máis gracia me fixo é un que dí: «Las noticias extraoficiales acostumbran a ser las más fiables». Iso debe de ser porque na porta teño un letreiro que, ademais de Bar Galería, pon Servicio de Información Extraoficial. Por certo, que moita xente entra a preguntarme cousas. Dareille a información se me deixan unha mensaxe, porque iso non creo que estea penalizado como chantaxe literaria.