GABRIEL RIVERA A ENTREVISTA Antón Mouzo, pintor vimiancés
31 jul 2001 . Actualizado a las 07:00 h.O pintor vimiancés, afincado en A Coruña, Antón Mouzo, acaba de clausurar unha exposición na aula de cultura de Cajamadrid en Pontevedra. Baixo o título de Obradoiros, o artista quere seguir levando esta mostra por outros lares. -¿Cal é a esencia desta colección? -É unha escolma de traballos, case todos realizados con acuarela mixta. É un recorrido polos estudios e talleres galegos. Foi un traballo de anos. Fixen os cadros, despois de pasar por moitos talleres durante anos, en función da lembranza destes espacios. O contido da obra é a poética do espacio. -¿Que é iso? -Un vive nun sitio e confecciona ese lugar ó seu gusto. Así, xurde un algo especial. Co paso do tempo vamos intelectualizando e personalizando os obxetos e recordamos o que máis nos atrae deles. O que busco é a poética do tempo. -¿É como respostou a xente a esta iniciativa? -O público, ben. Tamén é certo que no axudou que fixera mal tempo. Eu non estiven sempre en Pontevedra, pero o que destacou o comisario da exposición foi a cantidade de xente que houbo. De feito, a edición do catálogo acabouse, o que significa que unha boa cantidade de persoas pasaron pola exposición. -¿Cara onde evoluciona a súa pintura? -Eu levo unha traxectoria que vai definindo o meu proxecto creativo. Non fago traballo prolífico, máis ben vou en función das ideas que se me van ocorrendo. Traballo con técnicas variadas. En fin, considérome bastante libre: fago pintura, escultura e, incluso, se fose necesario utilizaría o ordenador. Teño liberdade no meu traballo, expreso o que quero e non me limito a unha cuestión prefixada ou a unha etiqueta. -¿Como está a pintura na Costa da Morte? -Non sabería moi ben decirche. Non hai proxección, pero tampouco espacios adaptados para expoñer. -¿É mais difícil facerse un hoco no arte saíndo dun lugar pequeno como Vimianzo? -Ten a dificultade quen en calquera outra profesión, saír ó mundo dende este curruncho non é doado. Quizais a xente que nace noutros lugares ten outros problemas. En todo caso, hai que moverse e saír adiante.