ESTE SOL CENTELLUDO

La Voz

CARBALLO

ROBERTO TRABA VELAY CRÓNICAS DE FISTERRA

06 jun 2001 . Actualizado a las 07:00 h.

Este soliño primaveral tan de agradecer parece que por fin nos fixo esquencer as doiras, friuras e temporais de invernos pasados, e dá gusto tumbarse baixo este amarelo soliño de xuño, aínda que algúns estean estes días tan queimados que lles ferva o sangue; culpa deles, e non do soliño tempraneiro que sempre avisa. O ansiado soliño tróuxonos o sorprendente arrecender das mimosas que acarician as nosas pituitarias con naturalísimas fragancias, e trouxo o imposible voo vertical de viaxeiras anduriñas que semella que en calquera momento quedarán atrapadas contra unha parede que dea sombra ás rúas. O que aínda non nos achegou este lixeiro e premonitorio soliño que apreta pero non afoga foron as despampanantes e os apampanados guiris, neoloxismo mediterráneo éste que non me gusta utilizar un chio pero que o fago só por imperativo literario para distinguilo das tolas e tolos que, pau en man e refrescante sombreiro baixo a testa, si están empezando a aparecer, tan primaverais ansiados, tempraneiros, lixeiros e premonitorios como o soliño do que falo. Éste que cada día semella que vai desaparecer para dar paso á chuvia pero que non, que segue cada mañá aí arriba, saltando de nube en nube como un neno pequeno. Como podedes imaxinar, as tolas e os tolos dos que falo son os peregrinos a Fisterra, habitantes todos desa cidade itinerante que, como di Jessica, é o Camiño de Santiago. Pensándoo ben, creo que eu tamén empezo a ser un cidadán máis desta cosmopolita e viaxeira capital do mundo, porque nestes últimos anos levo coñecido a tantas e tantos peregrinos que deberían nacionalizarse, pero como iso é imposible non me vai a quedar máis remedio que coller un pau e un refrescante sombreiro e botarme a andar. O caso é que non sei se empezar a camiñar desde Fisterra ata non sei onde ou desde non sei onde ata Fisterra. Claro que non sei se terá moito sentido empezar a andar para chegar aquí, porque, se estou aquí, ¿para que vou marchar? Parece cousa de tolos, porque con este soliño tan centelludo non sei se me estarei tamén volvendo un pouco tolo. Conste que se hai que escoller prefiro ser un tolo antes que un guiri. En fin, que o verán empeza e Fisterra comenza a ter esa exótica mistura de viaxeiros cos que falar de calquera cousa menos do tempo, claro. Eu estou encantado, farto de estar todo o inverno tan soliño.