Papas de millo a nivel internacional

GABRIEL PÉREZ SUÁREZ CARBALLO

CARBALLO

CASAL

A Festa do Pan de Carballo é unha oportunidade para recuperar algúns dos pratos tradicionais da nosa mesa

11 may 2001 . Actualizado a las 07:00 h.

Agora que estamos na víspera da Festa do Pan de Carballo, o máis sabedor que sae dos fornos galegos, non estaría de máis recordar, aproveitando a ocasión, algunhas daquelas comidas con que os nosos ancestros se alimentaron durante séculos, e que tiñan como compoñente principal os diversos tipos de fariña. Din os historiadores que, dende moito antes da aparición de Cristo, os nosos devanceiros facían o pan e outras cousas coa fariña de trigo, centeo e mijo (millo miúdo), que saía das aceas. Tamén nos contan que cando por calquera vicisitude a colleita era escasa, a xente acudía ás landras que brotaban nos carballos, as cales, despois de moídas, daban unha fariña estupenda. O millo A partir do século XVI comezouse a cultivar en Galicia o millo. Esta planta proviña das Américas, e o resultado foi tan extraordinario que en pouco tempo a masa feita con maínzo foi -e durante bastantes anos- o alimento por antonomasia do pobo galego. Despois desta resumida explicación, e voltando ó comezo do escrito, estimo que non aquecería mal a elaboración dalgunha destas comidas primitivas diante do público que acude ó festín. Incluso podería servir de aliciente para darlle máis variedade e fermosura ó festexo gastronómico. Teño a certeza de que os bolos do pote, o freixó con torresnos ou a empanada de millo con croques han de recordarlle ós vellos viandas que xa tiñan esquecidas. Pero, por outra xeira, os xóvenes descubrirán unhas comidas e uns sabores que lles farán olvidar a food rubbish que a publicidade lle mete a cotío polos ollos. Un prato barato Deixamos para o final a louvanza dun dos pratos máis baratos, exquisito e san con que conta a cociña galega: as papas de millo. Non é nada estrano que a vella da canción... comera sete cuncas delas. Podemos dicir que non hai almorzo internacional que o iguale. A simbiose que se produce no paladar ó tomar as papas quentes da cunca, con leite frío que nada na tona, é dun gusto insuperable. Un pode testemuñalo, pois leva uns cantos días almorzando papas de millo branco, fariña que lle regalaron en Vivente, e son unha verdadeira delicia. Gracias, Mercedes e Raúl. Esperemos que a comisión de festas tome nota desta insinuante suxerencia e no próximo ano procure sorprendernos.