ELENA SILVEIRA A ENTREVISTA Miguel Vázquez Freire, profesor e escritor de literatura infantil
15 dic 2000 . Actualizado a las 06:00 h.O profesor Miguel Vázquez Freire estivo onte en Carballo impartindo unha charla sobre literatura infantil. O filósofo, natural de Corcubión, explicou onte pola mañá ós alumnos do instituto Monte Neme a orixe e xestación deste tipo de creación escrita. -¿Cal é pois esa orixe? -A literatura infantil parte do conto tradicional e ten a súa importancia pola creación de personaxes clave que logo van ser fundamentais na construcción do imaxinario da infancia. Pensemos no caso da Carapuchiña Vermella, a Sireniña, Pinocho ou Alicia, que todos os rapaces os coñecen aínda que non leran o texto. No caso da literatura xuvenil tería a súa orixe cos textos de Robinson Crusoe e As viaxes de Gulliver. -¿Por que tarda tanto en aparecer unha literatura deste tipo? -Ten que ver ca educación burguesa, que tamén aparece tardíamente en España. Nembargantes, neste momento a literatura en lingua galega se codea ca mellor literatura que se produce na península ibérica. -¿A literatura para os máis novos está en auxe? -Eu creo que xa ninguén ten a idea de que a literatura infantil é unha pseudoliteratura. Ninguén dubida que Alicia no país das marabillas non só é un conto formidable para os nenos senón tamén unha peza literaria indispensable. -¿Como é a literatura infantil galega? -Moitos autores que escriben en lingua galega están na vangarda das líneas evolutivas da nosa literatura. Aínda que son tendencias experimentais, a aspiración é comunicarse cos rapaces; e o consiguen. Outros fan escritos máis conservadores. -¿As ilustracións son parte da literatura? -Dende o primeiro momento, a literatura infantil se presenta acompañada de ilustracións que son tan importantes como a creación no campo da palabra. -¿Cal é a causa deste «boom» dos contos? -Débese a que as novas tendencias pedagóxicas falan da necesidade de traballar a iniciación literaria con obras que sexan de interés para os rapaces, próximas a eles. E iso non se pode facer cos clásicos.