Nunha descrición xeográfica do ano 1105 aparece unha nova denominación para o río Anllóns En documento do ano 1105, que López Ferreiro transcribe no tomo III, apéndice XVIII, temos unha descrición xeral do territorio no que estaba asentado o mosteiro de Santo Tomé de Nemeño. En dúas liñas aparecen nomeados topónimos como Bergantiños, Val de Seaia, Nemeño, Monte Nariga e tamén un río chamado Hee. O texto é solemne, como cómpre a un señor poderoso e xeneroso doante, que é o conde de Traba. Podemos entender que ese río, no conxunto daqueles puntos referenciados, ten que ser un río tamén significativo, o Allóns que hoxe coñecemos. Hai, pois, dez séculos de diferencia entre Vir e agora Hee.
06 dic 2000 . Actualizado a las 06:00 h.Sen desanimarnos, podemos matinar abrindo outra pescuda a raíz do citado documento do ano 1105. No corpo do escrito que asina o conde de Traba aparecen as terras que, en couto cerrado, son obxecto da doazón a Nemeño. Aparece o río Lebozán como linde. Por certo, cunha construcción latina incorrecta, semellante á que antes vimos para o río Hee, e que tivemos que traducir ad sensum, pois o natural é que os ríos grandes acollan ós menores, como afluentes, e non ó revés. Compréndese isto porque estamos ante un texto que é copia, xa en tempos nos que o latín empezaba a esmorecer na fala. Desembocadura Tratemos de estudiar os nomes de Vir e Hee. Acudimos a Rivas Quintas no seu libro Lingua galega, niveis primitivos (pax. 182) e vemos alí palabras de diversas linguas nas que a raíz Vir está presente para dar significado de virar. Polo tanto, aquela grandiosa reviravolta que o Anllóns fai na súa desembocadura foi a que deu lugar ó río bergantiñán. Agora ben, Eduardo Pondal, que se movía dominador polas augas do mundo antigo, e moraba á beira daquela desembocadura, tiña que coñecer o vello nome, e o seu significado. Por iso sentiuse autorizado para intercalar aquel «n», creando Anllóns. Queda así recollida a etimoloxía do Vir de Ptolomeo. Isto amosa que o poeta Pondal tiña unha gran formación humanística. Non nos estrane isto. Operación semellante faina Pondal titulando Os Eoas para cantar as fazañas dos galegos, fillos do sol, e ó utilizar ese título manifesta que coñece a lingua grega. A consecuencia que cómpre tirar é que Pondal, na súa creación literaria de Eoas e Anllóns, asume vellas tradicións no noso máis lonxano pasado, norma que trasparece en toda a súa obra poética. Os Eoas son, pois, os celtas galegos. Así como os celtas, seguindo o curso do sol chegaron a Galicia, os seus herdeiros, polo occidente, chegaron a un novo continentes. Explicación Imos agora con Hee. Tamén acudimos a Rivas Quintas, na obra citada (pax. 125), onde analiza el o nome do río Eo, entre moitos ríos indoeuropeos que levan nome semellante. E na nosa terra temos Mandeo, Eume, nos que o grupo eo/eu ten que dar sentido de río. Xa xabemos que o texto do noso documento pon Hee. Pero a calidade da conservación do texto permítenos facer esta digresión (véxase a nota que López Ferreiro pon ó final da transcrición). A síntese, pois, pode ser a seguinte: o río Anllóns de hoxe, primitivamente era Hee; pero a súa magnificante desembocadura era coñecida como Vir, nome que tamén se daba ó río, por sinécdoque.