«Hai que vender Buño como destino»

La Voz

CARBALLO

P. TASENDE/ E. SILVEIRA A ENTREVISTA Héctor Pose, técnico de Cultura de Malpica e responsable da organización da Mostra da Olería Nos últimos anos, a artesanía está gañando en calidade, en imaxe e en prestixio. Unha boa proba delo é a decimoséptima edición da Mostra da Olería de Buño, que comezará o próximo sábado. Héctor Pose Porto, técnico de Cultura no Concello de Malpica, é un dos organizadores da feira. Asegura que «hai que vender Buño como destino» para todas aquelas persoas que están interesadas pola olería e a tradición, pero tamén como «valor engadido a unha artesanía».

07 ago 2000 . Actualizado a las 07:00 h.

Héctor Pose Paz é o coordinador do equipo de oito persoas que está organizando a mostra artesana. _¿Cando empeza a montarse a infraestructura da Mostra da Olería? _Onte, por exemplo, xa comezou a montarse a gran carpa que acollerá os stands de venda. Tamén se está organizando a exposición e os aspectos de decoración e otros detalles, como as señalizacións nas estradas, as pancartas e as bandeiras. _¿Dezasete anos dan moita experiencia á hora da organización? _Na traxectoria da Mostra da Olería hai dúas etapas ben diferenciadas. Cando no ano 1979 un grupo de amigos de Buño decidiron montar unhas actividades culturais e artesanas, eu creo que nin eles mesmos eran conscientes de que estaban botando a andar unha iniciativa que ía perdurar tanto no tempo. Dende o ano 89 ata o 94 houbo un vacío e despois tomou as rendas o Concello de Malpica, co Consorcio Municipal, e tamén implicou á Asociación Oleira. _A segunda fase foi máis activa. _No 94, efectivamente, comenzou unha nova fase. Nestes últimos seis anos, nembargantes, a Mostra tamén foi mudando e aínda lle quedan moitos aspectos por mudar para convertirse no escaparate de promoción da olería de Buño. _¿Que novidade haberá na próxima edición? _A inversión publicitaria foi moi forte. Enviáronse invitacións con informacións en varios idiomas a 1.500 tendas de regalos e de artesanía de todo o Estado. Tamén houbo publicacións en revistas especializadas, así como en tódolos medios de comunicación de toda Galicia, a edición dun póster conmemorativo e emitirase pola emisora de radio Onda Cero Bergantiños o desenvolvemento da Mostra. As novedades eu creo que van mellorar cualitativamente a organización. _Ese traballo publicitario comezou moito antes, xa na Mostra do Encaixe de Camariñas. _Estivemos presentes en Camariñas, na Festa do Pan de Carballo e agora tamén en Mostrart da Coruña. É un labor calado, pero é moi importante estar neses foros para difundir este evento. _A maior parte dos visitantes son turistas, pero tamén hai unha parte importante de profesionais do sector que asisten. _Hai un aspecto que me preocupa: a Mostra da Olería debe ser un acontecemento moi ligado á promoción turística do Concello, pero tamén apostando pola mellora da comercialización do producto artesán. Eu creo que hai que vender Buño como destino e como valor engadido a unha artesanía.