Vida ascendente

La Voz

LUGO CIUDAD

O Movemento Vida Ascendente da Diocese de Mondoñedo-Ferrol celebrou o pasado día catorce de marzo unha Xornada para Animadores ó que asistiron máis de vinte.

28 mar 2012 . Actualizado a las 12:07 h.

O Movemento Vida Ascendente da Diocese de Mondoñedo-Ferrol celebrou o pasado día catorce de marzo unha Xornada para Animadores ó que asistiron máis de vinte. Tivo lugar nos locais parroquiais de Nosa Señora dos Desamparados de Piñeiros. Ás dez e media da mañá deu comezo a Xornada coa acollida e oración. Ás once, o sacerdote Fernando Porta de la Encina dirixiu a meditación na que fixo referencia á necesidade da nova evanxeliación da fe cristiá que se debe recibir, vivir e transmitir. Despois ofrecéronse algúns puntos de orientación para atender ós grupos. Fíxose tamén unha dinámica de grupo, tratando o tema do diálogo cos tres elementos necesarios: a palabra, a escoita e o silenzo. A Xornada rematou ás dezaoito horas despois dun cambio de impresións e da celebración da Eucaristía.

MATRÍCULA NO SEMINARIO SANTA CATARINA

O Real Seminario Conciliar de Santa Catarina de Mondoñedo ten aberto o prazo de matrícula para o curso 2012/2013. O Seminario é unha comunidade diocesana, educativa, humana cristiá e vocacional. O Seminario poden vir rapaces en idades correspondentes ós niveis de ESO que sigan a Xesús e queiran descubrir se os chama a colaborar con El sendo sacerdotes; que sexan xenerosos e desexen facer algo polos demais; que estean dispostos a convivir con novos amigos, compartindo con eles a aventura de cada xornada. Para obter máis información pode chamarse ó teléfono 982 521 000.

PASCUA XOVE

A Asociación Xuvenil Pascua Xove organiza un ano máis ?van vinte- a Pascua Xove, un xeito novo de entender e vivir a Pascua. Este ano, co lema «Vive a Pascua... no camiño», vai ter lugar do catro ó oito de abril, partindo da igrexa de Santiago de Baamonde para rematar en Santiago de Compostela, seguindo o Camiño do Norte. Será unha experiencia máis dinámica, máis viaxeira: un xeito novo de entender a Paixón mentres se fai o Camiño de Santiago. Os destinatarios desta Pascua Xove son rapaces e rapazas de dezaseis anos en diante que estean dispostos a vivir dun xeito distinto a Semana Santa. Haberá momentos para as actividades, para a oración e para a participación nas celebracións litúrxicas que se farán nas parroquias por onde pasa o Camiño do Norte.

XVII FESTIVAL DA CANCIÓN VOCACIONAL

A Delegación Diocesana de Pastoral Vocacional organiza o XVII Festival da Canción Vocacional que vai ter lugar no Seminario Santa Catarina de Mondoñedo co lema «¿Que queres, Señor, de min»? Haberá dúas categorías: Infantil (ata catorce anos) e Xuvenil (de máis de quince anos). A letra e a música das cancións, que poden ser en galego ou en castelán, deben ser orixinais. A instrumentación é libre e só se pode participar nun grupo e cada grupo só pode presentar unha canción. Todos os concursantes deben comunicar por escrito ou por e-mail a súa participación achegando nome e dirección do grupo, número de compoñentes, lugar de procedencia, nivel, nome e enderezo do responsable do grupo, título da canción, copia da letra con acordes, gravación da mesma en formato CD ou casette ou mp3 e relación de instrumentos a utilizar. Todo isto debe enviarse, antes do trece de abril, a XVII Festival da Canción Vocacional, rúa da Estrela, 2 ? 15350 Cedeira (A Coruña) ou ó enderezo de correo electrónico: festivalcancionvocacional.pvmf@gmail.com

ESTUDIOS MINDONIENSES

Vén de publicarse o número vinte e sete, correspondente ó ano 2011, de Estudios Mindonienes, Anuario de Estudios Histórico-Teolóxicos da Diocese de Mondoñedo-Ferrol que publica o Centro de Estudios da Diocese mindoniense e o Cabido da Catedral de Mondoñedo. Trátase dun volume de máis de setecentas cincuenta páxinas, que comeza coa presentación de monseñor Sánchez Monge. A maior parte do volume (máis de cincocentas páxinas) ocúpana dous importantes traballos de José Luis López Sangil e M. Vidan Torreira que fan a transcrición completa de El Tumbo Viejo de Lugo e o de Enrique Cal Pardo co Episcologio Mindoniense. Obispos de la parte central del siglo XX. Outros traballos que se recollen neste volume son: Magnates y nobiles en la curia del conde Raimundo de Borgoña. Totius Gallecie Princeps (ca. 1091-1107) do que é autor Andrés Barón Faraldo; Ferrol no século XIV. As crónicas medievais de Fernando Lopes e Jean de Froissart da autoría de Juan J. Burgoa Fernández; Toponimia e microtoponimia da área entre Ponteceso e Laxe. Aportacións sobre nomes de lugar de orixe cultural monástica: o mosteiro de Almerezo do que son autores Xosé Carlos Ríos e Macarena Vigo; El monasterio de Esperautano y su Coto do autor José Mª Rodríguez Díaz; O principio da construción da Igrexa de san Xulián de Ferrol do que é autora Margarita Sánchez Yáñez. Remata o Anuario co reprodución do discurso de presentación do número vinte e seis, que tivo lugar en febreiro do 2011, do director da publicación Segundo L. Pérez López que leva por título Un facho aceso no mundo da cultura. J. L. López Sangil fai un repaso de Algúns libros publicados en Galicia. Pechan o volume unha Nota Bibliográfica de S. L. Pérez López e Recensións. Trátase dun volume interesante moi na liña dos publicados anteriormente.