Homenaxe a Rosalía en Ribeira con caldo de gloria e plantación dunha árbore

M. X. B.

RIBEIRA

<span lang= gl >A concelleira Juana Brión e a técnica Alicia Padín presentaron a programación</span>
A concelleira Juana Brión e a técnica Alicia Padín presentaron a programación

O mércores haberá un concerto para os escolares e unha lectura pública de versos da escritora

22 feb 2026 . Actualizado a las 16:55 h.

Ribeira renderalle homenaxe a Rosalía de Castro con diversas propostas. As primeiras terán lugar este mesmo luns, coincidindo co día dedicado á escritora do Sar. Ao mediodía haberá un acto público no exterior da Casa da Xuventude, onde se plantará unha roseira. A xornada estará acompañada polo son da gaita, que interpretará unha alborada e, ao finalizar, o Himno Galego. Durante a xornada, a biblioteca acollerá unha exposición bibliográfica dedicada á autora, co obxectivo de afondar no coñecemento da súa obra e legado.

A hostalaría local tamén se sumará á conmemoración servindo tapas de caldo de gloria. Participarán na proposta, impuladas pola Fundación Rosalía de Castro, A Recoveira, O Castelao, Tagen Ata, Cocoluche e Zum-Zum.

A programación continuará o xoves cunha proposta de promoción da lingua galega dirixida ao público escolar. Ás 11.30 horas, o auditorio acollerá o concerto Rosalía pequeniña, de Uxía Senlle. Ao redor de 500 nenos de primaria de todos os centros de ensino asistirán acompañados polo seu profesorado.

Como parte do traballo previo nas aulas, o alumnado estivo a aprender o poema No bico un cantar, co fin de interpretalo de maneira conxunta durante o espectáculo. Durante o concerto repartiranse chapas conmemorativas e cada neno e nena levará para a casa un mantel individual facilitado pola Fundación Rosalía.

Xa pola tarde, ás 20.00 horas, o centro cultural Lustres Rivas será escenario da tradicional lectura pública dos versos de Rosalía. A iniciativa conta coa colaboración do Grupo Municipal de Teatro de Ribeira e está aberta á participación de todas as persoas que desexen sumarse a esta homenaxe.

A programación pecharase o sábado cunha proposta para o público familiar. Ao mediodía, no Lustres Rivas, A Xanela do Maxín representará Dende Rosalía, un espectáculo dirixido a nenos de 3 a 12 anos.