Ribeira e JS Elcano

Ciprián Rivas VELAÍ

RIBEIRA

Se debería apartar un pouco a placa co nome do ilustre explorador, da máquina, do aire acondicionado.
Se debería apartar un pouco a placa co nome do ilustre explorador, da máquina, do aire acondicionado. CR

O navegante e explorador, natural de Getaria, Juan Sebastián Elcano, concluíu o que comezara Fernando de Magallanes, mais é pouco coñecida a súa vinculación con Galicia

02 feb 2026 . Actualizado a las 05:00 h.

Nunca tan afamado navegante con tanta gloria acadada en vida, a quen o emperador Carlos I outorgara escudo nobiliario baixo o lema Primus circumdedisti me (fostes o primeiro en rodearme), e cuxa iconografía inclúe dúas pólas de canela, tres noces moscadas e doce cravos de cheiro en lembranza do seu paso polas illas Molucas, ademais de favorecelo cunha pensión anual de 500 ducados ouro e outras mercés que aquí está de máis nomear; se viu recompensado na cidade ribeirense co nome dunha rúa de 45 metros de lonxitude, sen saída, asentada no Rueiro, case no centro urbano dun porto que lle debe ao mar unha parte importante do seu progreso industrial e económico.

Iso si, en datas actuais sofre as consecuencias da crise pesqueira no tocante a volume de capturas, aínda que semella que non afecta, en números globais, á conta de resultados da súa rula. O navegante e explorador, natural de Getaria, Juan Sebastián Elcano concluíu o que comezara Fernando de Magallanes, mais é pouco coñecida a súa vinculación con Galicia, onde se enrolou como piloto maior e segundo ao mando na expedición de frei García Jofre de Loaysa, composta por sete naos e 450 homes, que saíu da Coruña un 24 de xullo de 1525. Ambos morrerían no traxecto, con moi poucos días de diferenza, nesa travesía coñecida como a Expedición Maldita.

Getaria e Ribeira ben poderían irmandarse por teren en común o mar como motor, mais antes, quizais, se debería apartar un pouco —a estribor ou a babor— a placa co nome do ilustre explorador, da máquina, seguro que necesaria, do aire acondicionado do edificio onde comeza a rúa en dirección a Corrubedo, para rematar 45 metros máis aló, mesmo cando se xira oito graos a estribor.