Pablo Vidal, capitán do Boiro: «Na comarca somos o rival a bater»

Christopher Rodríguez
Christopher rodríguez RIBEIRA / LA VOZ

RIBEIRA

Vidal confía en que Barraña responda unha vez máis no derbi deste domingo ante o Cidade.
Vidal confía en que Barraña responda unha vez máis no derbi deste domingo ante o Cidade. MARCOS CREO

O ribeirense lucirá o brazalete no derbi ante o Cidade, equipo que o viu medrar

10 nov 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

O derbi de Preferente entre o Boiro e o Cidade de Ribeira que se vivirá este domingo en Barraña terá numerosos nomes propios para os que este encontro irá moito máis alá dos 90 minutos regulamentarios. Pablo Vidal (Ribeira, 1991) é un destes afortunados. O capitán do combinado boirista cumpre a súa sexta tempada defendendo as cores dos de Barraña despois de ter vestido a zamarra do Dumbría, o Ordes, do Compostela e, sobre todo, do propio Ribeira cando aínda recibía o nome de Atlético.

—Como afronta o derbi?

—Sen dúbida é un partido especial. Xoguei no Ribeira e incluso me chegou a adestrar Manuel Ángel Pena. Sei como son seus equipos, gústalle facer xogo asociativo e logrou crear un bloque competitivo que xa leva tres aniños traballando xunto.

—Como é que un ribeirense acabou de capitán no Boiro?

—Pois un pouco de rebote (ri). Son o que leva máis tempo no primeiro equipo. Hai moitos xogadores de Boiro no grupo, pero aínda son novos, polo que me toca a min exercer.

—No Cidade militan varios futbolistas que coñece ben. Como valora o partido neste senso?

—A verdade é que si. Eu persoalmente coñezo a todos. Viturro estivo o ano pasado con nós no Boiro, Jon Paz xogou aquí fai dúas tempadas... Vai ser un partido bonito e máis agora, polo momento de forma no que vimos os dous equipos. Nós acabamos de xogar a Copa del Rey e eles están conseguindo enganchar aos seus seareiros. Levan anos facéndoo moi ben, xa antes de ascender. Espero que este ano logren quedar arriba, porque malia acabar de subir, están facendo unha gran liga. Penso que é un partido que vai estar moi ben.

—E a nivel futbolístico?

—Eles saben as nosas virtudes e os nosos defectos, e a nós pásanos o mesmo. O Cidade comezou forte e vai vir coa moral alta despois da súa última vitoria contra o Eume. É un equipo que xoga ben ao fútbol e que lle gusta ter o balón, polo que teremos que adaptarnos. Nós levamos 18 partidos sen perder, obviando o do Mallorca, e temos que seguir por esa liña. A crave é que estamos encaixando moi poucos goles, e que temos xente arriba que marca as diferenzas.

—Como vai vivir o encontro a nivel persoal?

—É un derbi bonito, pero eu vouno vivir coma un partido máis. Temos que afrontalo como o que é, un encontro máis da liga, aínda que tamén hai que darlle a importancia que se merece.

—É favorito o Boiro?

—Non o sei, a min dáme igual se o Boiro é favorito ou non. O que é certo, e seino porque xa levo bastantes anos nisto, é que na comarca somos o rival a bater. Non sei se é pola historia, polas categorías nas que estivemos ou polos seareiros, pero sempre resulta atractivo xogar contra nós. Témolo que tomar con naturalidade e non darlle máis relevancia.

—Seu obxectivo sempre é ascender, como o ve este ano?

—Si, levámolo intentando varias tempadas e xa nos quedamos ás portas en varias ocasións. Este ano queremos conseguilo dunha vez por todas porque o equipo e o municipio meréceno.

—Como está o equipo despois do vivido ante o Mallorca?

—Pois xa máis ou menos cos pés na terra outra vez. Foi un partido inesquecible e que queda para a historia. Valoramos moito como responderon os seareiros. Barraña nunca defrauda. Chova ou quente o sol sempre está a rebentar de xente que nos apoia ata o final do partido.