Hai pouquiño fíxose en Ribeira algo pequeno pero moi significativo, nada rimbombante, pero si cheo de carga social. Con motivo do mes do Orgullo, un grupo de rapazas da asociación cultural As Malas Herbas puxeron unha bandeira co arco da vella na praza do Centenario. Levantada varios metros do chan, aquela simple tea iluminou durante varios días o coñecido parque do casco urbano, ata que, de súpeto, desapareceu.
O bo tempo característico destes días de verán afasta a posibilidade de que fose o vento, así que só queda unha hipótese: alguén a quitou. Alguén se creu coa potestade de arrincar dun sitio público unha bandeira allea e levala para a casa só por puro odio. Case podo imaxinar as caras de sucia ledicia dos que levaron a cabo a falcatruada pensando que a rúa é súa e que a única liberdade que existe é a de reprimir as vidas dos demais.
Pero non, as estradas, beirarrúas e prazas son da xente, da xente de todo tipo. Das persoas que aman e son sen pedir perdón nin permiso a ninguén, dos que veñen de fóra buscando unha vida mellor e das mulleres, que demandan que o mundo deixe de estar á medida dos desexos e necesidades dos homes.
Contra os brazos en alto e os comentarios que ridiculizan as grandes revolucións do século XX, debemos alzar a voz e berrar en prol da igualdade. Fronte ás ideas do pasado, só cabe debuxar un futuro con máis dereitos, con máis cobertura social e máis loita. Quizais o par de insensatos que quitaron a bandeira da liberdade do seu sitio de honor pensen que gañaron a batalla, pero nós temos claro que a rúa é nosa.