Non gozo eu da facundia do meu veciño José Vicente Domínguez, pero, como dicía un amigo meu, «la verdad, como el aceite, queda encima siempre», así que sen máis preámbulos quero aclarar varias cousas a propósito do seu artigo publicado onte neste mesmo xornal.
Sostén o señor Domínguez que a directiva da Sociedad Hijos de Palmeira tivo a «ocorrencia» de convocar unha asemblea o pasado domingo. Eu pregúntome en que estaba pensando o señor Domínguez ao atribuír a convocatoria asemblearia á directiva da entidade cando foi el e máis outro pequeno grupo de persoas os que solicitaron o 11 de xullo que a proposta de alquiler duns terreos ao Concello fose debatida en asemblea extraordinaria. ¿De quen é entón a ocorrencia?
Afirma tamén que esta proposta fora rexeitada en xuño pola oposición e que aínda así, «para rematar a ocorrencia», aportouse un escrito do alcalde de Ribeira do 30 de xuño. Fállalle a memoria ao señor Domínguez. E non só porque á moción á que se está referindo tiña por obxecto dotar ao Concello de instrumentos para ofrecer servizos bancarios nas parroquias do municipio, senón porque o seu debate e votación tivo lugar no pleno do 26 de xullo... Catro semanas despois da carta do alcalde.
E agora quixera ir ao verdadeiramente importante porque entre tanta anécdota do noso añorado Manolo Fernández Betanzos e tanta consulta a Meteogalicia esquecéuselle ao articulista explicar cal era o obxecto do debate, é dicir, cal foi a proposta que se trouxo á consideración o pasado domingo 15 de agosto.
O que solicita o Concello aos membros da Sociedad Hijos de Palmeira é dispoñer do seu antigo campo de fútbol por un período de 40 anos para mellorar a área de aparcamento na zona próxima á rúa Lorenzo Mene, dotar de zonas verdes, espazos de xogo e área deportiva: melloras todas elas que, unha vez extinguido ese período de 40 anos e no caso de non producirse prórroga, pasarían a ser propiedade da Sociedad. Como contraprestación, o Concello abonaría unha suma de 30.000 euros anuais máis a actualización do IPC.
Argumenta o señor alcalde no seu escrito que esta petición obedece ás carencias en canto a chan público municipal existentes, que dificultan a posibilidade de emprender en Palmeira actuacións dirixidas a crear novas áreas de ocio e esparcemento, zonas verdes e a mellorar a dotación de aparcamentos. Non entrarei aquí a defender as bondades da proposta. Baste dicir que foi aprobada polos socios por 73 votos a favor e 32 en contra, e isto a pesar de que o señor Domínguez con outro pequeno grupo de persoas impediron malia a pandemia que se recontasen 67 votos favorables emitidos a distancia.
Por certo, a antedita moción rexeitada pola oposición pedía tamén acelerar os trámites da reforma integral da AC-305 e do porto de Palmeira e iniciar os necesarios para dotala dun centro social... Remato como rematou onte o señor Domínguez: cousas veredes.