De Sidney a Ribeira para darlle unha oportunidade artística ao vidro

LAURA RÍOS / M. x. b. RIBEIRA/ LA VOZ

RIBEIRA

CARMELA QUEIJEIRO

Vén de abrir Arlequín Designs, un negocio co que busca reinventar o cristal

08 jul 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Aos seus 59 anos, María Goretti Bello emprende unha nova viaxe empresarial cun taller artesanal na céntrica rúa Galicia de Ribeira e expoñendo as súas principais obras na Venice International Art Fair. Nesta feira non só se exhibirán as obras da artista australiana, senón que os traballos estarán acompañados de creacións innovadoras en forma de intervencións, fotografías, vídeos artísticos, instalacións e esculturas chegadas de todas as partes do mundo. Cunha tenda que vén de ser estreada, planea viaxar pronto a Venecia para coñecer xente e estreitar lazos con entidades e potenciais clientes.

As obras escollidas tras o proceso de selección da feira veneciana foron Bailarina espírito e Bailarina alegría, dúas vidreiras de considerable envergadura coas que a autora representa a personalidade das súas sobriñas. «A primeira representa á pequena Olaia e a segunda, a Ariela, que é moi creativa», explica. Para ela, todo parece estar marcado por un destino ineludible e sinala que é unha bonita casualidade que a súa primeira exposición con vidreiras teña como escenario a cidade do cristal por excelencia.

Aínda que María Goretti conta cunha longa experiencia no mundo do deseño e do márketing, asegura que nunca expuxera obra súa en público, algo que provoca nela un certo sentimento de vergoña. Baixo o paraugas desta mostra no país italiano, manifesta que «é a primeira vez na miña vida que me toca divulgarme a min mesma». Asemade, ri con alegría cando confesa, medio en inglés medio en galego, que «o primeiro que fixen cando me reclamaron da Venice International Art Fair foi chamar ao meu irmán e contestar que estaba so happy».

Volta ás tendencias

Para esta experta en márketing e creación dixital, a volta do vidro ás tendencias artísticas é inminente. Para ilustralo, ela conta que o ano pasado unha grande marca de moda francesa utilizou como fondo unha especie de vidreiras. Ao fío diso, afirma que nese momento foi no que tomou a decisión definitiva de volver e montar un estudo aquí.

Aínda que a fame profesional de María Goretti sexa tan clara e ampla, a artista asegura que «me encantaría ter a oito, nove ou dez persoas que tamén traballasen o vidro na comarca». Neste mesmo sentido, apunta que «hai tanto talento aquí, que é unha pena que a xente non o apoie». Segundo ela, «parece que os artistas teñen que ir para fóra para que os aprecien». Da mesma maneira, sinala «que os creadores da cidade deben vender ao estranxeiro a través da web». Neste aspecto, a creadora cre que «os artistas non se deben vender barato, teñen que globalizar, en Europa hai xente que os pode valorar».

O amor desta creadora pola cidade de Ribeira ven de lonxe, tanto que non dubida en aseverar «que a miña alma síntese ben aquí». Cre que o destino a guiou ata este punto e asegura que leva 30 anos esperando a chegada deste momento. «O meu sempre foi o deseño e a cor, dende os cinco anos comecei a xogar a construír con pezas de Lego e a consultar os libros de arquitectura que chegaban ás miñas mans», apunta. Aínda que a creadora vivía unha vida estable traballando como deseñadora de espazos virtuais, afirma que «todos os beneficios ían cara a miña arte». De feito, neste contexto de pandemia actual, cre que «non teño medo a emprender, non debemos deixar que o medo rexa as nosas vidas»

A volta de María Goretti a Ribeira non é unha casualidade. A artista decidiu regresar á cidade barbancesa para estar preto do seu pai enfermo. Tras o falecemento do seu proxenitor, buscou consolo e terapia a través da arte. Para ela, «manter as mans ocupadas ten propiedades curativas». A través das diferentes cores, a creadora expresa a forza do amor, da inspiración ou da paixón, escollendo para cada peza un ton e unha textura que sexan capaces de reflectir como se sinte en cada momento.