Estíbaliz Espinosa gaña o certame Modesto R. Figueirido

O xurado decidiu concederlle dous accésit a Yolanda Ceide Calviño e Virxilio Rodriguez Vázquez


ribeira

A escritora coruñesa Estíbaliz Espinosa resultou gañadora do certame galego de narracións breves Modesto R. Figueirido, que se fallou en Ribeira. Despois de analizar as 39 obras que concorreron a esta cuadraxésimo quinta edición, o xurado decidiuse polo seu traballo, titulado 23 xeitos de inventar unha constelación. Tamén se concederon dous accésit, que foron a parar a mans de Yolanda Ceide Calviño, por Trinta minutos antes, e Virxilio Rodríguez Vázquez, por A primeira vista.

O rexedor ribeirense, Manuel Ruiz, foi o encargado de entregarlle o galardón, un cheque por importe de 1.000 euros, á escritora da Coruña, nun acto que contou coa presenza de Xosé Ramón Fandiño, o presidente da Fundación Pedrón de Ouro, que é a promotora deste certame considerado un dos referentes da literatura galega contemporánea. Os autores dos outros dous textos que foron distinguidos recibiron 400 euros.

Estíbaliz Espinosa incorpora así unha nova distinción ao seu currículo, no que figuran galardóns como o Esquío de poesía, o Díaz Xácome de novos creadores, o Espiral Maior e o Premio de Poesía Afundación.

David Otero, que exerceu como secretario do xurado, leu a acta no salón de plenos da casa consistorial ribeirense. Xunto a el, encargáronse de revisar e valorar os textos presentados o propio Fandiño; o escritor ribeirense Antonio Piñeiro; Pablo Rubén Eire, en representación do Pen Club de Escritores de Galicia; Agustín Agra, pola Asociación de Escritores en Lingua Galega; e José Carou, membro tamén do Pedrón de Ouro.

A entrega de galardóns contou coa asistencia de María Xosé Rodríguez, que se sumou en representación da familia de Modesto Figueirido. El foi o impulsor deste certame literario no ano 1975, cando era vicepresidente do Pedrón de Ouro e, tralo seu falecemento, o concurso adoptou o seu nome. Méndez Ferín, Xavier Alcalá, Riveiro Coello e Esther Carrodeguas están entre os gañadores de pasadas edicións.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
0 votos
Tags
Comentarios

Estíbaliz Espinosa gaña o certame Modesto R. Figueirido