En medio desa risa fácil, que agroma con frecuencia ao conversar con Callón, fíltrase con naturalidade unha revelación persoal. O home do sorriso habitual sabe ben o que é non ter ganas de sorrir. «Coido que non está mal dicilo, porque a depresión forma parte da vida tamén», reflexiona. Así que tras un 2019 no que pasou por máis dun período depresivo, felicítase a si mesmo polo balance final. «Foi un ano no que fixen máis proxectos dos que cumprín, mais o feito de elaborar proxectos xa é positivo, porque implica un desexo, e cando tes curiosidade por algo xa é unha luz. Nese sentido, felicítome a min mesmo, porque ter proxectos non é pouca cousa», reflexiona.
«A depresión tamén forma parte da vida tamén»
Entre esas tarefas propostas que quedaron no tinteiro confesa con certo rubor unha: «Dá un pouco de vergoña, pero aínda non sei andar en bicicleta», conta.