Roubos sacrílegos

Francisco Ant. Vidal

RIBEIRA

MATALOBOS

30 mar 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

N estes tempos que corren, nin para crentes nin para curiosos, nin para amantes da arte nin para turistas entusiastas están abertas as igrexas, a non ser nesa hora escasa en que hai algún oficio, cando todo forasteiro é vixiado de preto pola veciñanza e está mal visto andar a sacar fotos mentres toda a parroquia está coas mans levantadas. As igrexas pasan a maioría do tempo pechadas porque non hai quen as atenda, e nesa desatención fan o seu botín os ladrón de arte sacro e os caixeiros que limpan a boeta ou o peto das ánimas.

Seguro que foi por medo a que eu fose algún deses rateiros do sacro, polo que en certa ocasión, ó entrar nunha igrexa co meu macuto de explorador, o caderno de campo e a cámara fotográfica, veu detrás de min unha señora preguntándome insistentemente e con cara de poucos amigos polo que levaba na bolsa, mentres eu ficaba embelesado cara a unha santa agarrada a unha cruz máis grande ca ela. Facía moi ben a mulleriña, porque á fin, o que hai dentro dunha igrexa é dos fregueses, algo que non entende de moi boa gana unha boa parte da curia.

Hai moito desalmado e chama a atención ver a un tipo retratando santos, obrigando ós mal pensados a sospeitar que as fotos son para ver o que ten valor e logo roubalo. Ladróns de igrexa sempre os houbo, de dentro e de fóra dela, xa fose vestidos de garduños, de sotana ou de xeneral de todos os exércitos, xa fose furtando ás agochas unha imaxe ou ordenándolle ó párroco que lle levase para o seu uso particular o brazo de santa Tareixa ou as imaxes de Isaac e Abraham. Tal vez un dos casos máis curiosos, que uns teñen por roubo e outros por devota custodia, foi o exercido polo Beato Xoán Xacobe Fernández, natural de Carballeda de Avía, quen sendo lego no convento de Herbón durante a desamortización de Mendizábal, cando lle deron o despido porque o convento pechaba, e temendo non sei que, arramplou coas cousas de máis valor e agochounas sen dicirlle nada a ninguén para volver á casa vestido de paisano, a sachar a terra coma calquera veciño. Algúns anos máis tarde, como non perdera a vocación, antes de pedir unha praza de cociñeiro entre os misioneiros de Terra Santa, onde morreu durante unhas revoltas, devolveu os obxectos arramplados coma quen presenta un certificado de boa conduta.