A Liña do Galego clama por Ribeira

Marta Gómez Regenjo
Marta Gómez RIBEIRA / LA VOZ

RIBEIRA

As queixas sobre o topónimo copan as queixas dirixidas á Mesa pola Normalización Lingüística

08 feb 2018 . Actualizado a las 05:10 h.

Unha manchea de queixas e unha solitaria felicitación é o balance do último informe que cada ano elabora a Mesa pola Normalización Lingüística a partir das queixas recibidas no servizo A Liña do Galega. Esta ferramenta está a disposición dos cidadáns para que denuncien, reclamen e actúen para «romper coa normalidade e a impunidade da exclusión do galego» por parte de Administracións e empresas privadas. Os barbanceses tomaron nota e durante o ano propiciaron a apertura de arredor de vinte expedientes nos que o clamor maioritario era a reivindicación do uso deturpado do topónimo de Ribeira.

Aínda que a toponimia oficial de Galicia é clara ao respecto, o debate sobre de Ribeira de escribe con be ou con uve está lonxe de estar pechado. E unha boa mostra é a cantidade de reclamacións tramitadas a través da Liña do Galego por este motivo. Entre os destinatarios das queixas hai de todo, desde o Concello ata a televisión pública de Galicia e a Consellería de Sanidade, pasando por clubs deportivos, empresas privadas e incluso programas de televisión.

Outro dos topónimos que no seu día xerou un gran conflito foi o da Pobra do Caramiñal, que tamén aparece entre as queixas dirixidas á mesa durante o 2017. En concreto, a reclamación dálle un tirón de orellas ao Concello pobrense por manter sinais que empregan unha denominación incorrecta para referirse ao municipio.

Ámbito educativo

Máis aló das diferenzas sobre a toponimia, hai denuncias referidas a distintos ámbitos, entre eles o educativo. De Boiro procede un dos expedientes nos que se fai constar que os escolares reciben moitas menos de galego que de español.

Esta queixa vai dirixida á Xunta de Galicia, pero tamén hai reclamacións similares que afectan a particulares, coma o que atinxe a unha notaría de Muros na que se negaron elaborar e asinar un documento en galego ou unha clínica privada na que, segundo a denuncia dun veciño de Ribeira, lle colgaron o teléfono cando se negou a falar en castelán.

Tampouco servizos coma o hospital do Barbanza se libran do escrutinio, e o centro de Oleiros figura no listado da Liña do Galego porque os menús só figuran na lingua de Cervantes.