Acción Barbanza estréase en Ribeira

RIBEIRA

MARCOS CREO

Presentou con barquiños de papel o seu manual para as boas prácticas nas artes

08 mar 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

Cun emotivo acto no que pequenos e grandes puideron intervir por igual, o grupo reivindicativo cultural e artístico Acción Barbanza estreouse onte en Ribeira cunha intervención na que dou a coñecer o seu documento Manual para as boas prácticas nas artes. A praza do Concello converteuse nun simbólico mar no que se levou a cabo a idea da creadora Paola García, Leria na rede.

Ducias de barquiños de papel de cores colocados sobre unha rede transportaban a mensaxe que o grupo, neste caso, quere facer chegar ao alcalde ribeirense, Manuel Ruiz: «Que se repensen as políticas culturais e artísticas e se asuman as realidades que o sector da cultura e da arte precisa para afrontar este novo tempo, de ideas novas baseadas na pluralidade e na igualdade».

Actuación colaborativa

O artista Manuel Teira leu un texto no que se falaba do berce desta primeira intervención do colectivo. Acto seguido, os presentes colleron a rede e levantárona media ducia de veces, coma se dun mar embravecido se tratase. Todo rematou cunha gran onda dese mar simbólico que espallou os barcos mensaxeiros.

O colectivo ten recolleitas xa unhas cen firmas de apoio ao seu documento, que entregará en todos os concellos.