A plataforma Queremos Galego convocou un acto de reivindicación xunto ao busto de Castelao
28 feb 2026 . Actualizado a las 20:22 h.O paseo da Ribeira de Rianxo converteuse este sábado no escenario dunha mobilización en defensa do idioma. O acto, convocado pola plataforma Queremos Galego, reuniu a decenas de persoas ante o busto de Castelao para denunciar unha situación de «horas baixas» para a lingua. Esta cita enmárcase na folla de ruta que a plataforma está a levar a cabo por toda Galicia, como preparación para a presentación dun informe estratéxico que terá lugar o vindeiro 14 de marzo na Praza da Quintana, en Santiago.
O encontro contou coas intervencións da actriz Tero Rodríguez, que achegou a visión do sector cultural, e de Marcos Maceira, quen participou na súa dobre calidade de voceiro nacional de Queremos Galego e presidente da Mesa pola Normalización Lingüística. Ambos coincidiron en sinalar a necesidade de reaccionar ante o retroceso do uso do galego na vida pública.
Pola súa banda, o profesor e exalcalde de Boiro, Xosé Deira, ofreceu un discurso cargado de simbolismo. «Estamos en horas baixas e é importante promocionar o uso do galego», advertiu Deira, lembrando que a lingua é o nexo de unión de todo un pobo. Para pechar a súa intervención, recorreu á maxisterial cita de Castelao: «Se aínda somos galegos, é por obra e graza do idioma».
A análise máis local correu a cargo de Xosé Agrelo, coordinador de Queremos Galego no Barbanza. Tras agradecer o apoio das entidades colaboradoras, Agrelo debullou a realidade do idioma na comarca, «de Aguiño a Rianxo», poñendo o foco en ámbitos como a liturxia. Ademais, lanzou unha pregunta ao aire que convidou á reflexión dos asistentes: «Por que os equipos deportivos da Pobra non están en galego?».
A nota musical púxoa o cantautor Xosé Duarte, encargándose de pechar unha xornada de reivindicación.