Unha serie de «Cousas da vida» pon o broche de ouro a un especial Ano Castelao

María López García
maría lópez RIBEIRA / LA VOZ

RIANXO

O director do Museo do Gravado de Artes, Xoán Pastor Rodríguez; o concelleiro de Cultura de Rianxo, Julio Alcalde; Tino Domínguez; o coleccionista Roberto Taboada; e o alcalde do municipio, Julián Bustelo.
O director do Museo do Gravado de Artes, Xoán Pastor Rodríguez; o concelleiro de Cultura de Rianxo, Julio Alcalde; Tino Domínguez; o coleccionista Roberto Taboada; e o alcalde do municipio, Julián Bustelo. CARMELA QUEIJEIRO

O auditorio de Rianxo expón ata finais de xaneiro 63 viñetas de 1930 e 1931 cedidas polo coleccionista Roberto Taboada

20 dic 2025 . Actualizado a las 15:56 h.

Os actos do 75? aniversario do pasamento de Castelao concluíron en Rianxo coa inauguración este sábado da exposición Cousas da vida de Castelao (Almanaque do Faro de Vigo) na colección Roberto Taboada Rivadulla, que inclúe unha serie de 63 viñetas debuxadas e escritas ao longo de 1930 e comezos de 1931 que se exhiben por primeira vez neste formato.

A mostra, que permanecerá aberta ata o 31 de xaneiro no auditorio municipal, tamén contén nove Cousas anteriores, publicadas entre 1926 e 1927, a ilustración de Diante do portal, a portada do Faro de Vigo do 21 de xaneiro de 1932 e un manifesto do Partido Galeguista ilustrado polo propio Castelao.

Todo elo grazas á xentileza de Roberto Taboada Rivadulla, Tito, que cedeu un material que «forma parte da memoria colectiva do noso país», tal e como defendeu no acto Tino Domínguez en representación do coleccionista, xa que non pode comunicarse verbalmente.

O seu amigo leu as súas palabras: «Traer esta exposición a Rianxo era, dalgún xeito, devolverlle a Castelao ao lugar onde todo empezou: ás rúas, ás voces e á xente que el coñeceu e amou». Roberto Rivadulla amosouse impresionado coa capacidade da obra gráfica de Castelao para iluminar o presente: «As súas viñetas seguen a falar de temas que hoxe, un século máis tarde, continúan vixentes. Castelao tiña o don de dicir verdades que non caducan, e facíao con trazo firme, con humor, con dor e con tenrura. Mirando estas pezas, un entende por que Castelao segue sendo un faro para Galicia».

O alcalde de Rianxo, Julián Bustelo, encargouse de abrir o acto, amosando o seu agradecemento con esta forma de pechar un Ano Castelao tan especial debido ao 75? cabodano do veciño máis ilustre que deu a vila, Alfonso Daniel Rodríguez Castelao (Rianxo, 1886?Bos Aires, 1950).

Museo do Gravado

Logo das intervencións do rexedor e de Tino Domínguez en nome de Taboada, o director do Museo de Artes do Gravado á Estampa Dixital, Xoán Pastor Rodríguez, pechou as alocucións dando as grazas ao Concello de Rianxo pola súa colaboración e anunciando que no 2026 recalará no auditorio municipal unha nova mostra sobre a obra de Castelao, probablemente sobre as ilustracións de novelas universais que fixo en Arxentina, «que era co que se gañaba a vida», sinalou Rodríguez.

Á inauguración asistiu o propio coleccionista, ademais dos seus familiares, o concelleiro de Cultura, Julio Alcalde, e distintos representantes da sociedade rianxeira, entre outros o patrón maior da Confraría de Pescadores de Rianxo, Miguel Ángel Iglesias.

O Museo do Gravado de Artes encárgase de difundir o legado de Roberto Taboada. Xa en decembro do 2024 inauguraba en Rianxo Os homes, por Castelao, unha exposición integrada por 68 debuxos realizados polo ilustre galeguista inspirados na figura humana en 1925, e que cinco anos despois viron la luz na obra Cincoenta homes por dez reás.

Tanto as estampas orixinais como as pranchas de zinc que se utilizaron na súa primeira publicación foron recuperadas por Roberto Taboada, todo un amante da obra de Castelao que pon por diante a súa difusión pública para que toda a sociedade poida ser partícipe do importante legado que o insigne autor nos deixou.