Sen perder o foco no día a día, o mandatario rianxeiro cre firmemente que é preciso sentar as bases do Rianxo do futuro, e iso pasa por ter unha visión de conxunto e as ideas claras
20 dic 2025 . Actualizado a las 05:00 h.A pesar de estar en minoría, o goberno de Rianxo está a desenvolver a súa labor de xestión con menos atrancos dos agardados. Superado o ecuador do mandato, o volume de investimentos executados é significativo e o alcalde espera manter o ritmo no tempo que queda ata as próximas eleccións. Máis alá do día a día e desas obras cotiás máis ou menos grandes, pero moi necesarias, hai tamén proxectos a futuro, deses que tardan varios anos en materializarse, pero que están chamados a transformar unha vila. Julián Bustelo cre que é preciso sentar as bases do Rianxo do futuro e ten unha visión clara de cal debe ser, comezando pola dotación de servizos asistenciais esenciais para a veciñanza e rematando por un urbanismo ordenado e pensado para as persoas.
—Veñen de adxudicar dúas obras en Leiro e Taragoña por un importe de máis de 300.000 euros e continuamente están anunciando pequenas actuacións. Que volume de investimentos levan acometido este ano?
—Levamos dende o primeiro momento do mandato cun nivel de execución de obras moi elevado. A estas alturas, deixando de lado o que ten que ver co pazo de Martelo, que foi un investimento extraordinario, levamos algo máis de tres millóns en obras licitadas e executadas, 1,5 millóns aproximadamente no que vai de ano. Acometéronse moitas obras xa, aínda quedan por executar moitas outras á volta do Nadal e procuraremos seguir co mesmo volume de investimentos. Os proxectos están, o que temos é que buscar vías de financiamento.
—Cales van ser as prioridades en materia de investimentos no 2026?
—No que é o saneamento temos unha porcentaxe de cobertura moi elevado, pero no caso do abastecemento non tanto, no Araño é baixísimo e en Taragoña tamén, intentaremos no ano que vén darlle un impulso. Imos licitar xa a ampliación da rede de subministro de auga entre Corques e Outeiro e iso vainos permitir desbloquear definitivamente o abastecemento para a parroquia do Araño, coa intención de, a partir de aí, na medida en que poidamos, ir ampliando a rede cara esa zona. Ademais da dotación de servizos, e da renovación de redes antigas, tamén estamos traballando no mantemento de equipamentos existentes, como a renovación e mellora da accesibilidade do Cuartel Vello ou a mellora da eficiencia enerxética no edificio de Servizos Sociais. Son actuacións menores en canto a importe, pero tamén son importantes. E no ámbito social, esperamos que se dean pasos para concretar o proxecto da residencia de maiores.
—En que punto están tanto a residencia como o proxecto do centro de día?
—Pola nosa parte tócanos comezar o ano traballando na posta a disposición da Deputación dos terreos e avanzar no proxecto de urbanización para a residencia, o demais xa é cousa do ente provincial. Agardamos tamén poder avanzar no financiamento do centro de día, hai un compromiso por parte da Deputación de facer unha achega do 80 % do investimento e temos a esperanza de ter a instalación en funcionamento ao remate deste mandato.
—Para executar novos proxectos hai que ter un orzamento, teñen en perspectiva aprobalos no 2026?
—Estamos traballando na definición duns orzamentos que esperamos que teñan novidades importantes, entre elas a relación de postos de traballo do Concello. Agardamos aprobar a RPT, o que de por si vai derivar no incremento da partida destinada a persoal, e aspiramos a dotar algunha das prazas que se sacaron na oferta de emprego público. Levamos moitos anos con carencias de persoal, nos últimos meses estivemos traballando intensamente na RPT e estamos na recta final. Ademais, as contas tamén teñen que prever cuestións importantes relativas, non só a investimentos, senón tamén á regularización de servizos que están caducados. Un deles é a recollida do lixo, fíxose xa un estudo previo das rutas e fluxos de recollida, de como se recicla... A idea é avanzar na licitación do servizo en conxunto con Boiro e A Pobra. Tamén temos que poñernos coa axuda no fogar e coa renovación da concesión da piscina, xa que prevemos un incremento da achega municipal. Imos intentalo porque os recursos son os mesmos, coas taxas e impostos conxelados non entran fondos de outros lados e estamos capeando, usando ingresos extraordinarios para gasto corrente.
—O lema da súa acción de goberno é «Rianxo avanza», cara onde se avanza? Están postas as bases dese proxecto de futuro para a vila?
—Levamos meses, dende principios deste ano fundamentalmente, traballando nun proxecto de renovación da fachada marítima que implica ademais ir implantando uns criterios de actuación, un modelo de urbanismo que lle dea unha continuidade ao conxunto do núcleo, de xeito que goberne quen goberne haxa unha orde e un criterio definido. Neste mandato hai que avanzar o máximo posible na recuperación da fachada marítima, queremos que isto se acelere no 2026, outorgándolle cada vez máis protagonismo aos peóns, dándolle continuidade ao paseo marítimo. Isto entronca con outros dous proxectos que temos. Por un lado, queremos completar o cambio do pavimento do paseo marítimo, e doutra banda estamos traballando en colaboración con Costas na renovación do sendeiro litoral entre Punta Fincheira e Tanxil. A idea é cambiar radicalmente a imaxe desa zona da man de Costas, que abordaría a obra e conta con poder facelo rapidamente. Deste xeito enlazaríamos o paseo da Torre coa fachada marítima e Punta Fincheira; unha persoa podería chegar de Taragoña a Tanxil camiñando facilmente a través dun trazado continuo. Xa que temos unha fachada que mira ao mar privilexiada temos que potenciala.
—O proxecto semella moi ambicioso.
—Éo, pero de cando en vez hai que pensar un pouco ó grande.
A
Bustelo cre que Rianxo ten que potenciar a súa fachada ao mar. FOTo Carmela Queijeiro