Evaristo Calvo foi o encargado do pregón, no que fixo un repaso histórico pola orixe das festas e lanzou unha mensaxe de apoio á ANPA do colexio de Asados
13 sep 2025 . Actualizado a las 16:02 h.Nada menos que 365 días levaban os rianxeiros agardando polo inicio dunha nova Guadalupe e por fin chegou. Había impaciencia entre a multitude que ateigaba a praza Castelao por comezar a festa, e fíxose evidente no momento do Chupitaso. Aínda non acabara a conta atrás desde o palco e o viño xa regaba o outro extremo da explanada, dando paso á euforia e a unha semana enteira de celebracións.
Foi o propio pregoeiro, o actor Evaristo Calvo, integrante de Mofa e Befa, o que animou a seguir o ritual de botar ao aire o viño «e a enchouparse ben en caldo de vide, porque así é como comezamos a festa da Guadalupe». Pero antes diso fixo un percorrido histórico polas orixes das celebracións e contou por que se venera á Virxe Moreniña en Rianxo dende hai séculos: «Foi alá polo 1845 cando os rianxeiros discorreron que fora a Virxe da Guadalupe a que os salvara da gripe, de aí lles vén a afouteza aos de Rianxo».
Ante o sempre difícil público rianxeiro, máis pendente nunha noite coma a do venres de comezar a festa que de discursos, Calvo deu tamén leccións de física e, xa de paso, de saúde: «Preparádevos para mollarvos porque o viño que sube, baixa, coma todo. E imos comezar a festa da saúde, porque o viño que vai por fóra non vai por dentro, e o que non vai por dentro non marea».
Bromas aparte, houbo tamén espazo para a reivindicación e o pregoeiro da Guadalupe sumouse ás demandas da comunidade educativa do colexio Ana María Diéguez de Asados, que está loitando pola incorporación de máis docentes especialistas e o desdobre da aula de quinto de primaria: «Forza para a ANPA para reclamar o que merecen».
Conta atrás
Logo da reivindicación e unhas últimas recomendacións para o Chupitaso comezou a agardada conta atrás, que culminou como non podía ser doutro xeito cun «viva a Moreniña e viva Rianxo!». E antes de comezar coa festa dos 90, tocou facer repaso polas Juadalupeñas que seguen a encher de cor cada ano a praza Castelao coas súas camisetas. Por alí estaban clásicos como Perdoa, Estaba Borracho, Mamá xa Chejei ou Os Lambebarras para dar a benvida á Guadalupe.
E comezou a festa, cun repaso pola música dos 90 e o persoal vestido de época, iso si, uns con máis acerto ca outros, pero o caso era desfrutar do primeiro día da Guadalupe coma se fora o último, e así foi. Houbo un photocall para inmortalizar o arranque das celebracións, e tampouco faltaron os brindes e os reencontros con eses amigos, veciños e coñecidos que, aínda que vivan lonxe, sempre volven para festexar cos seus a semana grande de Rianxo.
Dicía o alcalde dende o palco antes do Chupitaso que é moi difícil explicar que é a Guadalupe, e efectivamente hai que vivila para sabelo. Por diante queda aínda unha semana enteira para que, quen non a coñeza, se achegue a Rianxo para descubrila. Parafraseando a Julián Bustelo no seu discurso, «que viva a Moreniña e que bote o Xixí!».