Teresa a Carpinteira, a avoa de Rianxo, apagouse aos 104 anos

Marta Gómez Regenjo
M. Gómez RIBEIRA / LA VOZ

RIANXO

CEDIDA

Os seus restos descansan xa no cemiterio de Asados

28 dic 2021 . Actualizado a las 19:31 h.

Era unha muller tan grande como vital, tan forte como riseira e tan boa como vella, porque con 104 anos e medio xa cumpridos Teresa Martínez Rodríguez, a Carpinteira, era vella, a pesares de que o seu aspecto non era en absoluto o dunha anciá. O centenario festexouno por todo o alto coa familia reunida nun restaurante, nos 102 recibiu a visita do alcalde e para celebrar os 103 e os 104 non faltaron nin a torta de aniversario nin o brinde cun chupitiño. Mantívose en forma durante o confinamento facendo ximnasia no seu cuarto, e coidouse moito porque ela quería seguir sumando maios, aínda que non chegou a ver a primavera número 105 e a parroquia rianxeira de Asados despediu con tristura á que era xa a avoa de todos.

Teresa a Carpinteira era moi coñecida na parroquia, e hai un par de anos, coa chegada da pandemia, foron moitos os que a descubriron a través dun vídeo que un dos seus bisnetos subiu ás redes sociais facendo exercicio a un mes de soprar as 103 velas.

Saúde de ferro

Moitos coñeceron daquela a unha muller entrañable, cunha saúde de ferro a pesar da súa idade e unha vitalidade envexable. A súa propia neta cobizaba a súa fortaleza, e a súa alegría de vivir era un exemplo para todos. «Nunca se queixou, é unha loitadora», aseguraba a súa familia o maio pasado, cando Teresa cumpriu 104.

Como para a maioría dos que viviron na súa xeración, a vida da Carpinteira non foi sinxela, tocoulle enfrontar golpes moi duros, como a perda do seu home, de dous fillos e dun neto, e traballar arreo para saír adiante. Especialmente lembradas son as historias que gardaba na súa prodixiosa memoria sobre o tempo que estivo na casa dos Dieste, incluída a da fatal caída nas esqueiras que acabaría custándolle a vida ao escritor.

Xa o ano pasado sufriu un pequeno achuchón que fixo fraquear a súa saúde, pero saíu adiante. Porén, desde había uns días o seu estado empeorou e moitos en Asados estaban pendentes de se Teresa lograría saír desta tamén e chegar aos 105. Non puido ser, o enorme corazón da Carpinteira non aguantou despois de máis dun século dando guerra, deixando á parroquia de Asados, e a todo Rianxo, orfos da súa avoa. Que a terra lle sexa leve.