O brinde de Teresa ao cumprir os 103: «De hoxe nun ano»

O coronavirus só lle permitiu soprar as velas cos que residen con ela

Teresa Martínez, con su tarta de cumpleaños
Teresa Martínez, con su tarta de cumpleaños

Ribeira / La Voz

Afeita a festexar os seus aniversarios por todo o alto, Teresa Martínez Rodríguez, coñecida na parroquia rianxeira de Asados como Teresa a Carpinteira, tivo que conformarse este ano con soprar as velas cos da casa por culpa do coronavirus. Pouca celebración, tendo en conta que vén de cumprir nada menos que 103 anos. Pero ela non renuncia a reunir a toda a familia e achegados en vindeiras ocasións: «De hoxe nun ano», espetou a modo de brinde despois de apagar as velas.

Porque, con 103 anos ao lombo, se unha cousa lle sobra á señora Teresa é vitalidade, algo que saben ben os seus seguidores de Facebook. O bisneto fíxolle un perfil, e aínda que non ten moitas publicacións polo momento, un vídeo no que sae facendo ximnasia durante o confinamento leva toda a traza de facerse viral. As imaxes son de hai menos dun mes, e, a falta de poder saír a dar o seu paseo para estirarse, aparece sentada na cama movendo brazos e pernas e deitándose e erguéndose cunha axilidade envexable nunha centenaria.

Hai que manter a actividade como sexa, e coidarse. Porque Teresa quere chegar aos 104 e, polo que poida pasar, non está disposta a que o coronavirus se meta na súa casa, de maneira que desta volta non quixo visitas polo seu aniversario. O ano pasado, o alcalde de Rianxo e unha concelleira acudiran á súa casa para felicitala, pero nesta ocasión non quixo nin oír falar do asunto, non fora ser que lle fosen contaxiar algo.

Pola mesma razón, renunciou a saír a dar un paseo por diante da porta: «Din na televisión que non se pode saír fóra», sentencia. Cumpre as restricións ao pé da letra, e cando o bisneto a anima a que saia un pouco a fóra, dille que non, por se vén algún coñecido e se lle dá por darlle un bico.

Con todos

Así que, mentres non pase a pandemia do coronavirus, a señora Teresa mantense en forma coa súa ximnasia diaria, e non perde o contacto co exterior a través das xanelas. Coñece a canta persoa pasa por diante da súa casa e conserva unha memoria prodixiosa. Recorda, por exemplo, os tempos nos que traballou na casa de Rafael Dieste e ten ducias de historias para contar.

Agarda que chegue o momento no que todo isto acabe para recuperar por fin a normalidade e reunir aos seus. Ían vir todos para festexar o aniversario, tamén a familia que ten en Andalucía, todos querían arroupala nun día tan sinalado. Non puido ser agora, pero confía en poder celebralo nun futuro próximo.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
1 votos
Comentarios

O brinde de Teresa ao cumprir os 103: «De hoxe nun ano»